A programación expandida do Festival de Artes pola Inclusión Cultural Festigual chegou o pasado xoves 14 de decembro a súa fin, coa proxección do documental La Gran Boda. O traballo, dirixido por Gaspar Broullón, foi gravado durante a representación da obra de teatro que a compañía La Quinta del Arte organizou o pasado 28 de xullo na praza de María Pita, como resultado da programación de actividades do proxecto Desde o Invisible , posto en marcha pola entidade cultural no marco da primeira convocatoria do Programa Cultura Accesible e Inclusiva de Fundación Emalcsa.
A obra é “unha comedia que reflexiona sobre o concepto de diversidade e que pretende dar un paso no camiño cara á inclusión social”, segundo explica Gaspar Broullón.
O estreo de La Gran Boda tivo lugar no Teatro Rosalía de Castro. Antes da proxección, parte do grupo de actores e actrices realizou un pequeno número a modo de presentación da peza teatral, unha obra na que participaron 48 persoas con e sen diversidades, concentrando o espírito do Festigual.
A continuación púidose ver o traballo de Broullón e a experta en creación e produción escénica vinculada á participación comunitaria Eva García impartiu a conferencia Arte e Participación.