En qué consiste
Desde o ano 2017, a Fundación Emalcsa desenvolve o programa Aflote, unha iniciativa que xorde co obxectivo de reforzar os recursos municipais para proporcionar unha resposta rápida ás necesidades das persoas que acoden aos servizos sociais para paliar una situación puntual de urxencia. A experiencia durante os últimos anos puxo de manifesto unha evolución deste programa: de axudas enfocadas á situacións de emerxencia social a axudas enfocadas á atención de colectivos en situación de vulnerabilidade.
Deste xeito nace Acompaña, un novo programa de integración social e apoio a persoas e colectivos en situacións de vulnerabilidade. O programa Acompaña realiza as súas intervencións en coordinación coa área de Benestar Social do Concello da Coruña a través de convenios co concello e con outras entidades de impacto social que operan na cidade.
O programa comprende as seguintes liñas de actuación:
1. Proxectos de integración social para a atención a colectivos en situación de vulnerabilidade
No 2024, estes proxectos realízanse en colaboración coa Asociación Participa para a Inclusión e a Fundación María José Jove e están destinados a apoiar a persoas novas con dificultades específicas para a súa integración socio-laboral (Proxecto Aliados), ou rapaces e rapazas que precisen de apoio emocional e habilidades sociais (Proxecto Norte).
Así mesmo, este proxecto contará con axudas para a integración de familias ucraínas desprazadas pola guerra e para a organización e posta en marcha de actividades e xornadas para a reflexión e debate sobre estas problemáticas sociais.
2. Axudas e prestacións sociais para paliar situacións de vulnerabilidade
O acceso a estas axudas farase, en todos os casos, a través dos servizos sociais municipais e compóñense de:
- Axudas para comedor escolar: son complementarias ás bolsas comedor municipais e están enfocadas para aquelas familias que, por razóns de tipo formal, non puideron acceder a elas.
- Axudas de acollida para refuxiados da guerra de Ucraína: no ano 2022 xorde unha nova liña de axudas dirixidas á acollida e integración dos refuxiados da guerra de Ucraína, que contou coa financiación específica do principal patrocinador do programa Aflote. Estas axudas manteranse durante o ano 2024 ante o incerto sobre a duración e evolución da guerra de Ucraína.
- Axudas de emerxencia social para vivenda: o obxectivo destas axudas e seguir atendendo situacións de desprotección debidas a requisitos formais ou problemas de procedemento, facilitando actuacións urxentes coordinadas cos servizos sociais municipais para evitar desafiuzamentos ou posibilitando unha transición inmediata a novas vivendas sen solución de continuidade tras un desaloxo inevitable.
Para articular a colaboración e coordinación do desenvolvemento do programa, a Fundación Emalcsa firmou un convenio con Inditex para o período 2023/2025 co obxectivo de contribuír á integración de persoas en situacións de vulnerabilidade a través das axudas do programa Acompaña.