A Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña, en colaboración con Vegalsa e a Fundación María José Jove, acaba de lanzar a sétima convocatoria do programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’, co obxectivo de levar a cabo proxectos sociais para promover a igualdade de oportunidades no acceso á cultura na cidade.
Desde a súa primeira edición en 2016, o programa colaborou con diferentes entidades coruñesas para posta en marcha de proxectos sociais que achegan a cultura a persoas en risco de exclusión para que poidan desenvolver todo o seu potencial creativo e intelectual.
Na súa pasada edición, o programa ‘Cultura Accesible e inclusiva’ subvencionou a 16 entidades da cidade que levaron a cabo actividades de promoción da cultura con diferentes asociacións. En total, máis de 4.000 persoas víronse beneficiadas das actividades desenvolvidas no marco do programa.
As bases da convocatoria, dispoñibles na páxina web de Fundación Emalcsa e dotadas de 100.000€ para a posta en marcha de proxectos sociais, marcan o 6 de xuño de 2022 como data límite para a presentación de solicitudes.