A vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, e a presidenta da asociación AGA-Ucraína, Natalia Afonina, asinaron onte un acordo de colaboración entre a Fundación Emalcsa e AGA-Ucraína para promover a integración social de persoas refuxiadas na cidade a causa do conflito bélico en Ucraína.
O convenio, dotado de 15.000€, posibilitará que personal contratado pola asociación traballe a diario coas persoas refuxiadas para ofrecerlles servizos de primeira necesidade como atención psicolóxica, tradución e interpretación e apoio en xestións coa Administración pública, especialmente nos eidos de Estranxeiría, Sanidade, Servizos Sociais, Educación e Vivenda.
“A Coruña, fiel á súa indentidade, é unha cidade que sempre está aberta a axudar. Hoxe damos un paso máis na integración dos refuxiados que chegaron de Ucraína, que terán tanto no Goberno municipal coma na cidadanía, un apoio firme para iniciar unha nova vida”, sinalou Yoya Neira, que amosou o seu agradecemento á asociación AGA-Ucraína “pola súa preocupación e predisposición constante na procura de solucións para atender ás persoas refuxiadas a causa da agresión sufrida en Ucraína”.
Neste sentido, o convenio tamén abrangue a atención das unidades familiares que precisen atención a través das axudas de emerxencia social do programa ‘A Flote’, financiado pola Fundación Emalcsa.