Vegalsa apoia o programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ da Fundación Emalcsa

firma-convenio-vegalsa

A presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, firmou esta mañá xunto co director xeral de Vegalsa, Joaquín González Iglesias, un novo convenio de colaboración ata 2022 para apoiar o programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ da Fundación Emalcsa. Neste acto tamén estiveron presentes a vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, e a directora de Responsabilidade Social Corporativa de Vegalsa, Gabriela González.

Con este acordo preténdese acadar unha igualdade de oportunidades en canto ao acceso á cultura na cidade, así como romper as barreiras, especialmente das persoas con discapacidade, para a plena participación da cidadanía nestas actividades.

Durante o acto, Inés Rey sinalou que o programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ da Fundación Emalcsa ‘pretende crear un marco estable de colaboración e traballo conxunto entre as entidades sociais e cultuais da Coruña’. ‘O obxectivo deste programa é que as persoas con discapacidade poidan desenvolver todo o seu potencial creativo, artístico e intelectual, non só en beneficio propio, senón tamén para o enriquecemento da sociedade’, engadiu a presidenta da Fundación Emalcsa.

Pola súa banda, Joaquín González, afirmou que ‘desde Vegalsa preténdese contribuír a aproveitar as oportunidades que ofrece a acción cultural como elemento de inserción social na cidade’.

O convenio permitirá a realización das próximas convocatorias do programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’, así como a realización dos correspondentes festivais culturais que axudan a difundir os obxectivos do programa.