Usuarios e usuarias de Asperga e Aspronaga reciben os seus diplomas como parte do proxecto inclusivo da Sociedade Filatélica da Coruña financiado pola Fundación Emalcsa

O proxecto inclusivo ‘A miña primeira colección de selos’, unha iniciativa da Sociedade Filatélica da Coruña que forma parte do programa Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa, celebrou esta mañá a súa clausura coa entrega de medallas e diplomas aos máis de 30 participantes das asociacións Asperga e Aspronaga que formaron parte desta edición.

No acto estivo presente a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, acompañada da vicepresidenta da Fundación Emalcsa, Yoya Neira, o director xerente da entidade, Manuel Aguilar, o presidente da Sociedade Filatélica da Coruña, José Luis Rey, e o director da oficina de Correos, Francisco Javier Varela.

O proxecto, que contou coa colaboración de Correos, implicou a persoas usuarias das asociacións Asperga e Aspronaga en talleres de filatelia, co obxectivo de estimular a súa creatividade no contexto das sesións. Desta forma, o selo personalizado emitido por Correos é o resultado da colaboración coa artista coruñesa Yolanda Dorda, que homenaxea aos novos filatelistas participantes neste programa.

Durante a súa intervención, Nereida Canosa lembou que “a cultura, ao igual que o deporte e a educación, abren portas á socialización e á integración comunitaria”, e subliñou que acadar unha inclusión social real “pasa por achegar en positivo aos colectivos máis vulnerables, dándolles liberdade para que se expresen e facilitando o seu traballo en grupo”.

“Iniciativas coma esta son as que sentan as bases dunha sociedade máis humana, que visibilice o talento de todas e todos. Pouco a pouco, imos vendo avances en aspectos como a contratación laboral de persoas con diversidade funcional. Temos aquí, moi preto de nós, os casos do Quiosco Down Experience e dos cabaliños de Méndez Núñez que se xestionan desde APEM. Pero tamén é certo que debemos seguir traballando para que este tipo de iniciativas non sexas excepcións”, engadiu Canosa.

Os homenaxeados por parte de Aspronaga foron Benjamín Barbadillo, Martín Blanco, José Manuel Bravo, Ana María Capelete, Eva María Cea, Marta Costa, Sabela Fernández, Vicente Fernández, José Carlos Franco, Jaime García, Pilar López, Álex Núñez, Fernando Otero, Inés Pérez, Aarón Rey, María Jesús Rivas, María Sandá, Alberto Santos, Victoria Seoane, Juan Ignacio Sousa, Claudio Varela, Alba Veiga e Alejandro Vila.

Pola parte de Asperga, recibiron medallas e diplomas Silvia Serena Baptista, Ana Barreales, Xabier Bustamante, Daniel Collazo, Santiago Giraldo, Jorge Martínez, Santiago Pose e Patricia Vázquez.