O presidente da Fundación Emalcsa, o alcalde Carlos Negreira; acompañado polo director xerente da Fundacion Emalcsa, Manuel Aguilar; o presidente da Fundación Metrópoli, Alfonso Vegara; e o director do Programa Cities desta última entidade, Guillermo Sánchez; presentou o 12 de novembro o Foro Cidade, a cita fundacional de Coruña Futura, o proxecto que sentará as bases para un futuro con crecemento económico, emprego e benestar social.
Este foro celebrouse ás 19.00 horas, no auditorio da Fundación Novacaixagalicia, no Cantón Grande. E contou coa presencia duns 200 representantes de distintos sectores da sociedade coruñesa que reuníronse para aportar a súa visión, ideas, proxectos e suxestións sobre o camiño que a cidade debe seguir nas décadas vindeiras.
En primeiro lugar, o alcalde e o presidente da Fundación Metrópoli pronunciaron unhas palabras de benvida e presentaron os obxectivos desta iniciativa. E, a continuación, empresarios, financeiros, artistas, profesionais liberais, cargos públicos, deportistas, catedráticos, investigadores, estudantes, xestores culturais, líderes de opinión e cidadáns de a pé cubriron un cuestionario, unha canle de participación institucional, no que deixaron constancia das súas preocupacións, as súas críticas e as súas aportacións para que A Coruña e a súa área metropolitana sexan un lugar mellor para vivir e para investir.
Con esta íntima colaboración como xermen, iniciouse un proxecto que crecerá e tomará forma segundo a vontade dos coruñeses. Coruña Futura será un instrumento de gran transcendencia para o porvir da cidade e a súa contorna metropolitana. Pretende axudar a localizar A Coruña no novo escenario de cidades no século XXI, contribuíndo a mellorar as súas oportunidades económicas e a calidade de vida dos seus habitantes e a definir un papel protagonista no contexto no que se insiran, nestes momentos de especial dificultade. Desde a reflexión estratéxica de carácter urbano, medioambiental, económico e social, entre outras, avanzará pautas, ideas e proxectos dinamizadores para o desenvolvemento futuro da nosa urbe.