A Concellería de Xustiza Social e Coidados firmou coa Fundación Emalcsa o convenio de colaboración que permite a posta en marcha do programa de intervención social A flote, co obxectivo de prestar axuda inmediata “a persoas en situación ou risco de exclusión que precisan recursos de apoio con carácter urxente, puntual e transitorio, en situacións nas que non existe outro medio de intervención pública normalizado”. Tal e como informa a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, o protocolo firmado serve para impulsar este programa, que estará vixente ata final de ano, e que consiste nunha prestación para situacións de emerxencia social, “dirixida a evitar casos de desprotección nos que non sexa posible a intervención desde os servicios sociais”. “Con este programa, o Concello tamén poderá dar resposta a aquelas persoas emigrantes que non teñen regularizada a súa situación”, explicou a responsable municipal. O convenio contempla para este ano un presuposto mínimo de 80.000 euros, que a Fundación Emalcsa aporta para o pago desta prestación.
“Con este convenio intentamos chegar a máis familias para resolver situacións de exclusión e impulsamos o carácter social da Fundación Emalcsa“, destaca a responsable municipal, quen indica que o Concello, a través da Concellería de Xustiza Social e Coidados será o encargado de elixir as persoas beneficiarias desta prestación e realizar a proposta de pago, que irá acompañada do correspondente informe social, no que quede xustificada a situación de urxente necesidade e a imposibilidade de atendela mediante outros recursos normalizados. Os servicios sociais municipais tamén propoñerán a cuantía de pago que se propón, o destino específico e a forma, así como a posta en marcha de medidas complementarias de inserción social. “O noso obxectivo sempre que damos unha prestación é dar as ferramentas necesarias á persoa beneficiaria para que deixe de selo, polo que desde Xustiza Social, en colaboración coa Fundación Emalcsa, faremos un seguimento do itinerario de inserción a través dunha comisión paritaria que, entre outras funcións, será a encargada de deseñar as medidas para conseguir os fines sociais que perseguen estas axudas”, subliña a edil.
“Este Goberno local sabe que as institucións deben ser ferramentas para axudar a todas as persoas. Este convenio concíbese como un instrumento máis de intervención social coa finalidade de lograr a plena inserción das persoas beneficiarias”, explica a concelleira Cameán.