O vicepresidente da Fundación Emalcsa, o tenente de alcalde de Seguridade e Mobilidade Julio Flores, informou esta semana en roda de prensa de que as empresas Eptisa e Ineco presentaron a mellor oferta ao concurso público convocado pola Fundación Emalcsa para a realización d primeiro Plan de Mobilidad Urbana Sostible (PMUS) e para a posta en marcha da Oficina Tecnolóxica de Mobilidade.
As empresas adxudicatarias teñen unha ampla experiencia no ámbito das infraestruturas e da planificación do transporte, así como un desenvolvemento importante no ámbito de tecnoloxías de información. Iso garante, segundo Julio Flores, que “un gran equipo de profesionais especializados traballará na elaboración do PMUS e no desenvolvemento da Oficina Tecnolóxica e Operativa de Mobilidade”.
O edil engadiu que está previsto formalizar o contrato a finais de febreiro, e que “en nove meses contaremos por primeira vez na historia da cidade cun Plan de Mobilidade que será sostible, que terá en conta a influencia da área metropolitana e que, xunto co PGOM e os proxectos Coruña Futura e Smart City, marcará a folla de ruta do futuro da nosa urbe”.
De feito, o plan terá moi en conta aos concellos limítrofes, grazas ao protocolo firmado o pasado 4 de xullo polo alcalde de A Coruña e o presidente da Fundación Emalcsa con delegado do Goberno; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; o presidente da Deputación Provincial de A Coruña e o presidente do Consorcio de As Mariñas.
A Oficina Tecnolóxica e Operativa recopilará toda a información relacionada coa mobilidade e definirá as ferramentas máis adecuadas para o intercambio de información cos cidadáns.