Os premios “A Coruña 1, 2, 3” poñen o foco no traballo creativo das persoas con diversidade funcional

A vicepresidenta da Fundación Emalcsa e  concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, entregou esta tarde en María Pita os premios do concurso fotográfico e de artes plásticas  “A Coruña 1, 2, 3 “, promovido pola Sociedade Filatélica coa colaboración da Fundación Emalcsa, a través do programa “Cultura Accesible e Inclusiva”, que este ano realiza a súa cuarta convocatoria. O acto contou tamén coa presenza de Xosé Luís Barreiro, da Sociedade Filatélica, e representantes de Asperga e da Asociación de Fotógrafos NWN.

O certame, que busca visibilizar o traballo de persoas con diversidade funcional e as persoas con asperxer da Asociación Galega de Familias de Persoas Afectadas pola síndrome de Asperxer (ASPERGA), tiña como tema o quinto centenario da visita do rei Carlos I á cidade. Na segunda parte do concurso, participou o alumnado do colexio La Grande Obra de Atocha, que realizou unha intervención nas fotografías seleccionadas.

Con esta iniciativa que forma parte do Festigual, preténdese en primeiro lugar, visibilizar o proceso creativo das persoas con discapacidade funcional e, en segundo, implicar a toda a sociedade na participación destes colectivos na cultura da cidade.

Neira felicitou a todos os premiados e premiadas porque “ensinádesnos cada día que o acceso á cultura das persoas con diversidade funcional é posible e necesaria; e que a sociedade debe fomentar a vosa participación no ámbito cultural como espectadoras/es, como creadoras/es e como profesionais”.

As premiadas e premiados nesta cuarta edición foron: no apartado de fotografía, Alexandra López, Violeta González e Mateo Fernández; mentres que Pablo Carrasco e Eloy Lago recibiron un accésit pola súa imaxe. No apartado das artes plásticas, as/os premiadas/os foron as alumnas e alumnos da Grande Obra de Atocha: Brayan Oliveira, Carla Carrasco, Mauro Seguín e Carlos Enríquez, que recibiu un accésit polo seu traballo.

A Sociedade Filatélica realizará unha tiraxe especial de selos e tarxetas con todas as fotografías gañadoras.