‘Cultura Accesible e Inclusiva’ incorpora á Fundación Banco Sabadell como entidade colaboradora

O presidente do Padroado da Fundación Emalcsa e alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou esta semana un convenio co presidente da Fundación Banco Sabadell, Miquel Molins, mediante o cal a entidade financeira incorpórase neste exercicio como colaboradora do programa Cultura Accesible e Inclusiva. O acto, que tivo lugar no Pazo de María Pita, tamén contou coa presencia da concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, así como do director xeral de SabadellGallego e subdirector xeral do Banco Sabadell, Pablo Junceda, e do xerente da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar.

O programa Cultura Accesible e Inclusiva, posto en marcha a través da Fundación Emalcsa no ano 2016, ten como finalidade favorecer a igualdade de condicións e oportunidades no acceso á vida cultural, así como no desenvolvemento da experiencia artística de toda a cidadanía, especialmente das persoas con diversidade funcional, para excluír así calquera barreira ou impedimento que dea lugar a súa discriminación. Ao longo deste ano, e no marco da segunda convocatoria, 13 entidades culturais da cidade, en colaboración con 21 asociacións do tecido social, desenvolverán actividades abertas á veciñanza que terán como finalidade a inclusión das diversidades. O convenio asinado coa Fundación Banco Sabadell permitirá articular a terceira convocatoria do programa, ademais da celebración da segunda edición do Festival de Artes pola Inclusión Cultural Festigual, entre outras iniciativas.