O programa de intervención social PARES inicia unha nova fase grazas á colaboración da Fundación Emalcsa, o Concello da Coruña e a Fundación María José Jove

A presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou esta mañá o Centro Municipal de Animais de Compañía para impulsar unha nova fase do programa PARES, un proxecto de intervención social que se realiza grazas á colaboración do Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, e a Fundación María José Jove e que pon en contacto a persoas en risco de sufrir problemas de saúde mental ou con dificultades de relación social cos animais acollidos no centro municipal. 

Ao acto tamén asitiron a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove, así como Manuel Aguilar e Bettina Kohlhass, director e subdirectora da Fundación Emalcsa, respectivamente, e técnicos do propio programa e das instalacións municipais.

O programa naceu como un proxecto piloto no que participaron ao redor de 20 rapaces e rapazas de entre 14 e 22 anos. O obxectivo é dobre. Por unha banda, mellorar a saúde mental dos participantes, e por outra, visibilizar a recuperación social dos animais acollidos que habitan no centro municipal.

Vistos os bos resultados do programa, tanto o consistorio municipal como a Fundación María José Jove decidiron continualo en colaboración coa Fundación Emalcsa co obxectivo de atender entre 45 e 50 rapaces e rapazas durante este 2025. 

“Pares naceu como un programa piloto e innovador na liña do traballo que se desenvolve desde o Concello para mellorar a saúde mental e o benestar emocional da poboación, con especial atención aos colectivos máis vulnerables como son os mozos, as persoas maiores ou as que están en risco de exclusión”, sinalou Inés Rey. “No caso concreto de PARES, o trato cos animais e o seu coidado xera confianza, empatía e contribúe á mellora da autoestima dos participantes no programa”, engadiu a presidenta da Fundación Emalcsa.

Pola súa banda, a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, subliñou que “na Fundación levamos anos traballando en programas de terapia con animais e comprobando que a capacidade que teñen para motivar ás persoas é incrible”. “Non son moitas as administracións que apostan por programas tan innovadores coma este, así que agradezo ao Concello e á Fundación Emalcsa a súa valentía por facelo posible”, concluiu.