O programa Aliados, impulsado pola Fundación Emalcsa, facilitará a inserción laboral de mozos e mozas no tecido empresarial de Agrela e Pocomaco

A presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, a presidenta da Asociación Participa para la Inclusión, María Martínez, e as presidentas das asociacións empresariais dos polígonos de Agrela e Pocomaco, María Begoña López Martínez e Lucía López Teijeira, asinaron esta mañá o convenio que implicará ao tecido empresarial de ambos polígonos no programa Aliados, unha iniciativa impulsada desde o ano pasado pola Fundación Emalcsa, a Fundación María José Jove e a Asociación Participa para la Inclusión co obxectivo de facilitar o axuste social de mozos e mozas de entre 16 e 21 anos que se atopen en risco de exclusión.

Aliados, un programa pioneiro no eido da inclusión, ábrese á capacitación laboral das persoas participantes grazas ao acordo de ‘acollida empresarial’ asinado co tecido empresarial de Agrela e Pocomaco, onde mozos e mozas que formen parte do programa e estean en condicións de realizar prácticas, disporán desta oportunidade a continuación dos períodos de formación deseñados para eles.

O acordo abrangue a creación dunha Comisión Mixta, integrada por unha persoa representante de cada unha das entidades implicadas para o seguemento e reorientación das accións formuladas, así como a posta en marcha de novas liñas de colaboración.

Inés Rey puxo en valor o compromiso amosado pola Fundación María José Jove, a Asociación Participa para la Inclusión e as asociacións empresariais dos polígonos de Agrela e Pocomaco, “amosando que, traballando en conxunto podemos chegar a ser un motor para a transformación en positivo da nosa cidade“. Para isto, continuou Rey, “é imprescindible a colaboración público-privada e escoitar ao tecido asociativo, fundamental para tomar o pulso das necesidades das persoas”.

Desde a posta en marcha do programa Aliados, máis dun cento de mozas e mozos coruñeses, en idade de 16 a 21 anos, formaron parte do proxecto. Na actualidade, os técnicos do programa traballan a carón de 52 persoas, todas elas derivadas das unidades municipais de Servizos Sociais e as ONG presentes no termo municipal , que estiman individualmente cada perfil con vistas a executar un seguimento personalizado.

O programa abrangue sesións grupais de periodicidade semanal, de entre 3 e 4 personas con interese comúns e para as que se deseña un itinerario específico co obxectivo de facilitar a súa formación e posterior inclusión laboral. Trabállase en ciclos trimestrais e á conclusión de cada un dos ciclos, da comezo outro con novas persoas participantes.

A presidenta da Fundación Emalcsa lembrou que “desde as Administracións Públicas, así como desde o tecido empresarial, formativo e asociativo, podemos e debemos traballar para dar solucións a cuestións como desemprego xuvenil, e concienciar á mocidade de que pode, e debe, amosar todo o talento e capacidade de traballo que leva dentro”.