O programa ‘A Flote’ concedeu axudas a 424 persoas por un importe de máis de 200.000 euros

O programa A Flote, que a Fundación Emalcsa ten en marcha a través dun convenio de colaboración coa Concellería de Xustiza Social e Coidados, concedeu durante o pasado ano 424 axudas por un importe de algo máis de 202.000 euros. Segundo recorda a concelleira, Silvia Cameán, “o obxectivo deste programa é evitar situacións de vulnerabilidade social e ten por obxecto a prestación de axuda urxente e puntual a persoas que non pode agardar por  outro medio de intervención”. A prioridade do programa é prestar axuda para “garantir o dereito a unha vivenda digna”. En concreto, do total de axudas concedidas o pasado exercicio, un 89% (380) tiveron como destino sufragar gastos en vivendas habituais, como é o caso de alugueiros, fianzas, anticipos ou seguros de impago. Case un 10% (41 prestacións) serviron para facer fronte a necesidades de mobiliario.

“Tanto na Coruña como no resto do Estado existe, dende hai tempo unha forte problemática con respecto ao acceso á vivenda. De feito, tanto no pasado exercicio como nos anteriores, a gran maioría das axudas se centraban en cuestións relacionadas cunha vivenda digna, entre as que destacan as axudas que serviron para evitar despexos inmobiliarios ou realizar unha transición inmediata dunha vivenda a outra”, especificou. “Ademais, distintos indicadores amósanos que o programa actúa tamén como instrumento ao servizo da promoción da igualdade entre homes e mulleres, xa que, por norma xeral, un 60% das axudas concedidas van parar a mulleres”, especificou a responsable municipal, que incidiu en que, do mesmo xeito, unha porcentaxe alta das unidades familiares que reciben estas axudas son monoparentais. Este ano, entre o 1 de xaneiro e 9 de abril lévanse xa tramitadas axudas para 111 unidades familiares, por un importe total de preto de 65.000 euros.

O programa prevé dúas modalidades de pagamento, delegado á persoa provedora do servizo ou á persoa beneficiaria, que poden aboarse por transferencia ou cheque nominativo. Todos os pagos que se realizaron con talón contan con acompañamento social e unha valoración técnica previa dos servizos municipais. A concelleira destaca que este programa serve tamén para impulsar o carácter social da Fundación Emalcsa, que se encarga de prestar información e facer acompañamento e asesoramento ás persoas solicitantes, ademais da xestión administrativa  e do seguimento e xestión das accións de inclusión social que establece o programa, mediante un traballo coordinado e en rede cos servizos sociais municipais que interveñen nos procesos.