- O recoñecemento pon en valor as medidas de accesibilidade e inclusión incorporadas na XXXIX edición do festival, entre elas a interpretación en lingua de signos, as mochilas vibratorias, os bucles magnéticos ou as zonas reservadas para persoas con mobilidade reducida.
O Festival Noroeste Estrella Galicia foi recoñecido coa certificación Selo de Calidade Music For All: Accesibilidade en Eventos Musicais, que distingue aqueles eventos comprometidos coa accesibilidade universal e coa participación de todas as persoas na experiencia cultural.
O concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, recibiu este recoñecemento, que destaca o traballo desenvolvido na última edición do festival para avanzar cara a unha programación musical máis accesible e inclusiva.
A XXXIX edición do Noroeste, celebrada do 5 ao 9 de agosto, incorporou un amplo dispositivo de medidas destinadas a facilitar o acceso á información, aos espazos e ás actuacións para persoas con diferentes necesidades de accesibilidade.
Entre as principais novidades destacou a incorporación da interpretación en lingua de signos en oito actuacións. Seis delas tiveron lugar na praia de Riazor —Bomba Estéreo, Rusowsky, Echo & The Bunnymen, Sprints, Bala e Sés— e outras dúas na praza de María Pita, nos concertos de Dorian e Yerai Cortés.
O dispositivo completouse con puntos de información e préstamo de materiais de apoio, nos que as persoas asistentes podían solicitar mochilas vibratorias, bucles magnéticos, tapóns para os oídos e auriculares illantes do son.
Accesibilidade desde a información ata os espazos do festival
O compromiso coa accesibilidade estendeuse tamén ás fases previas á celebración do evento. A web do Festival Noroeste incorporou unha sección específica de accesibilidade, con información en lectura fácil e iconas intuitivas, así como un canal directo para resolver consultas e solicitar determinados materiais.
Nos diferentes espazos da programación habilitáronse, ademais, zonas reservadas para persoas con mobilidade reducida, baños adaptados e mapas específicos para facilitar a orientación e favorecer un uso máis autónomo dos recintos.
Todas estas medidas responden ao obxectivo de avanzar cara a unha cultura na que a accesibilidade estea presente en todas as etapas da experiencia: desde a procura de información e a chegada ao recinto ata o desfrute dos concertos e o acceso aos diferentes servizos.
O Selo de Calidade Music For All supón así un recoñecemento ao camiño iniciado polo Festival Noroeste Estrella Galicia para facer da música e da cultura espazos máis abertos, inclusivos e accesibles para o conxunto da cidadanía.
Desde a Fundación Emalcsa, celebramos este recoñecemento e o compromiso do Festival Noroeste coa eliminación de barreiras e coa construción dunha cultura na que todas as persoas poidan participar e desfrutar en igualdade de condicións.

