
O Auditorio do Parque de Santa Margarida acollerá este sábado 7 de xuño unha nova edición do festival inclusivo On d Bass Vol.7, unha iniciativa impulsada pola Asociación Cultural Negus que conta coa colaboración do Concello da Coruña e da Fundación Emalcsa.
O festival, que en edicións anteriores se celebrou no espazo O Túnel do Coliseum, enmárcase no compromiso do Concello da Coruña e da Fundación Emalcsa coa promoción de iniciativas culturais que fomentan a inclusión e a participación activa de toda a cidadanía.
Un festival de cultura reggae e compromiso social
O evento, con acceso gratuíto, comezará ás 17:00 horas e terá como protagonistas a música reggae e a participación de distintos colectivos galegos como Soundkilla Soundsystem, Bass Dealer meets Pintega Sistema de Son, Delirium Soundsystem e DJ Inclusivo, un proxecto nacido do programa Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa.
A cita servirá ademais para conmemorar o 25 aniversario da Asociación Cultural Negus, entidade que colabora co Concello e a Fundación desde o ano 2016 en iniciativas orientadas á inclusión social e ao acceso á cultura.
Participación de artistas locais e internacionais
O festival contará coa montaxe de tres sistemas de son artesanais (Sound Systems) polos que pasarán numerosos artistas locais, galegos e internacionais. Destaca especialmente a actuación do cantante senegalés Baba Sall, así como a participación do alumnado do programa DJ Inclusivo, procedente de entidades como Down Coruña, Fundación Adcor, CASCO e Artefios.
Durante o evento, os mozos e mozas participantes demostrarán ante o público as habilidades aprendidas a través das súas propias sesións, nunha xornada que combina música, inclusión e comunidade.
