O estadio de Riazor acolleu o pasado 6 de abril o pleno constitutivo do Consello Municipal do Deporte, un novo espazo de reflexión e decisión sobre a organización da estrutura deportiva coruñesa no que se lle dará voz ás diferentes dimensións do deporte, desde o ámbito máis local e de base, ao de elite de maior proxección internacional co obxectivo de mellorar, dinamizar e potenciar o deporte coruñés coa participación de todos os axentes deportivos.
O acto estivo presidido pola presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, que será a presidenta deste novo ente, e contou coa asistencia de Mónica Martínez, concelleira de Deportes e vicepresidenta primeira do consello, así como de Fernando Blanco e Pablo Castedo, vicepresidente segundo e secretario, respectivamente. Durante o acto, estiveron presentes persoas representantes de 93 entidades deportivas, 12 organismos e institucións e 7 entidades sociais “que intervirán desde hoxe na práctica deportiva da cidade do futuro, e por tanto, na Coruña que queremos e na que cremos”, sinalou a Rey.
Ademais, no Consello Municipal do Deporte tamén están representadas numerosas institucións e organismos, entre os que se atopan a Fundación Emalcsa.
O Consello Municipal do Deporte será unha ferramenta útil para captar as necesidades e demandas específicas deste ámbito co fin de reflexionar conxuntamente sobre as mellores propostas.
O compromiso desta nova entidade co deporte plásmase con feitos como a concesión de 65 bolsas a deportistas por un importe total duns 122.000 euros ou as subvencións ás entidades que fomentan a realización de actividades físicas e deportivas con 288.000 euros. Ao mesmo tempo, indica Inés Rey, que se desbloqueou o uso de instalacións deportivas municipais e puxéronse a disposición das entidades deportivas coruñesas 52 instalacións de dominio municipal.