A vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira da Área de Benestar Social do concello da Coruña, Yoya Neira, acompañada por Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, presentaron esta mañá na Casa da Auga o I Encontro Deportivo Casa da Auga Solidaria, que se realizará o próximo 16 de decembro, a partir das 17h, a beneficio da Asociación Boanoite. Na presentación do evento estiveron tamén presentes Claudio Orjales, director xerente de Termaria; Manuel Aguilar, director da Fundación Emalcsa; José Manuel Orejón, director técnico de Emalcsa; David Bello Gacio, director executivo de IPGlobal; e Ana López, coordinadora da Asociación Boanoite.
“Quero dar as grazas a todas as entidades que puxeron en marcha esta iniciativa aberta a todo o mundo e que combina deporte, inclusión e solidariedade”, dixo Yoya Neira. “É unha oportunidade para probar experiencias deportivas, sexan cales sexan as nosas capacidades, á vez que colaboramos coa tarefa que realiza a Asociación Boanoite”.
O evento desenvolverase en distintos espazos da Casa da Auga, incluíndo a entrada ao edificio, as salas de actividades e a piscina de Termaria e os espazos dalgunhas das entidades deportivas situadas no recinto, que se converterá nun gran centro multidisciplinar no que participar en diferentes retos deportivos.
Está é a programación de actividades que se levará a cabo durante a xornada:
- Brazadas solidarias 100×100 a nado, en colaboración co Club Hércules.
- Zoa, no vestíbulo de Termaria.
- Bodybalance, no vestíbulo de Termaria.
- Sportbike, na sala Artio.
- Parkour, na sala FAN exterior, en colaboración de Motion Academy.
- Bautismo de mergullo en piscina, en colaboración de Buceo Galicia.
- Esgrima en familia, en colaboración con 100Tolos.
- Exhibición de esgrima, en colaboración co Club Esgrima Coruña.
- Seminario de halterofilia, coa colaboración do Club Halterofilia Coruña.
A inscrición para o evento pode facerse na web da Casa da Auga onde tamén se pode atopar toda a información sobre os horarios e outros datos de interese.
Cada actividade terá un prezo de 4€ que irán directa e íntegramente á Asociación Boanoite. Ademais, entre todos os inscritos nas actividades, realizarase un sorteo de diferentes agasallos que achegarán distintas empresas colaboradoras. Tamén haberá a posibilidade de facer una doazón a través da fila 0 que permitirá entrar no sorteo. Por último, e en colaboración con Supercor, poñeránse contedores para recoller alimentos que se destinarán á Cociña Económica.
O Concello da Coruña colaborará na cita a través do voluntariado municipal, que orientará e asistirá ás persoas participantes durante todo o evento. Haberá, tamén, un servizo de ludoteca para atender as e os menores e están previstas distintas actuacións musicais a cargo da Yamaha Music School da Coruña, interpretadas por alumnado e profesorado desta academia, tanto nos descansos das actividades coma ao peche do evento.