A Fundación Emalcsa e a Fundación María José Jove veñen de poñer en marcha Aliad@s, un novo programa dirixido á mocidade en risco de exclusión social. A iniciativa, coordinada pola Asociación Participa, ten como destinatarias mozos e mozas entre 16 e 20 anos aos que a súa situación persoal, familiar, escolar ou social os levou a desvincularse da formación regrada e da actividade socio-laboral.
A presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, xunto coa presidenta da Asociación Participa, María Lemos, asinaron esta mañá o convenio deste programa, que terá unha duración dun ano, e no que os seus participantes serán seleccionados polos Servicios Sociais do concello herculino.
Os destinatarios e destinatarias de Aliad@s son mozos e mozas cun alto grao de desestruturación cotiá, escasa actividade social e sen formación que lles facilite a inserción laboral, feito aínda máis complicado nas actuais circunstancias.
Inés Rey explicou que “este é un novo paso no compromiso firme do Concello pola mocidade e a súa inserción sociolaboral, neste caso, dentro daqueles que se atopan en risco de exclusión social, agravada en moitos casos pola pandemia”. Durante o acto, agradeceu a colaboración da Fundación María José Jove e a súa implicación e colaboración permanente co Concello da Coruña nesta e noutras iniciativas promovidas desde a Fundación Emalcsa. “Os mozos e as mozas teñen moito que achegarlle á sociedade, por iso crearemos itinerarios personalizados co fin de que se poidan introducir no mercado laboral e darlles unha oportunidade para saír desa liña vermella que marca a diferenza de ter unha vida estable ou estar en exclusión”, concluíu Rey.
Para Felipa Jove, “unha sociedade do século XXI non pode deixar na marxe a ninguén, menos aínda ás que serán as persoas adultas do mañá”. “Temos a obriga moral de promovermos a igualdade de oportunidades e ofrecerlle a esta mocidade unha contorna de apoio emocional, seguridade e confianza”, engade. Jove apuntou que o proxecto encaixa moi ben cos obxectivos da fundación que preside, xa que traballan desde hai anos no ámbito da inclusión social.
Pola súa banda, María Lemos sinalou que o deseño das actividades, a metodoloxía e o propio desenvolvemento serán realizados por educadoras e educadores sociais, técnicos de integración social e profesionais da psicoloxía. ‘Todo o persoal traballará para motivar e mobilizar ás persoas participantes nun programa que destacará por un método de traballo individualizado co fin de que non sexan dependentes toda a súa vida”, engadiu.
Aliad@s combina sesións semanais de grupos de 3 ou 4 persoas con intereses comúns, con outras actuacións e un seguimento individualizado. Traballarase en ciclos de 3 meses e, ao concluír, comezarase o proceso con novos mozos e mozas. Cada ciclo do programa, contará con entre 10 e 12 participantes.
O programa busca fomentar a igualdade de oportunidades para romper cunha situación de risco de exclusión social e lograr a inclusión de mozos e mozas nun grupo social saudable, incrementando a súa participación en actividades deportivas, culturais e solidarias ao mesmo tempo que se traballa en ofrecer a formación necesaria para obter unhas competencias básicas con saída laboral.