Máis de 2.800 persoas participarán na carreira popular Torre de Hércules #QuerémonosVivas

A contorna da Torre de Hércules e o barrio de Durmideiras acollerán este sábado a celebración da IX Carreira Popular Torre de Hércules #QuerémonosVivas – Trofeo José Varela Calviño, que inclúe, por vez primeira, unha marcha non competitiva aberta a todos os públicos e que se enmarca na programación municipal do 8M Mulleres que transforman realidades. A cuarta proba do circuíto municipal Coruña Corre incorpora, esta edición, o carácter solidario, xa que todos os beneficios que se recaden a través de doazóns dos participantes tanto da carreira absoluta coma da andaina de catro quilómetros destinaranse, integramente, á investigación contra o cancro e as consecuencias desta doenza na vida das mulleres, a través dunha colaboración da Fundación Emalcsa coa Unidade de Mama do CHUAC e da Fundación Profesor Novoa Santos.

A carreira absoluta partirá, como é habitual, en horario nocturno. Comezará ás 21.15 horas e o grupo partirá do Paseo dos Menhires, xunto á estatua de Breogán, para achegarse, a través do Paseo Marítimo, á rotonda das Ánimas. Xunto ao Castelo de Santo Antón darán a volta para volver por Pelamios e encarar os últimos metros da carreira subindo a rampla que leva á Torre de Hércules, punto no que se situará, un ano máis, a meta. Unha vez finalice a saída da categoría absoluta, comezará a andaina solidaria, na que todas e todos os participantes portarán o dorsal 261, o mesmo número que levou Kathrine Switzer -imaxe da carreira municipal- no Maratón de Boston de 1967. Os asistentes desta marcha, non competitiva, farán un percorrido de catro mil metros, compartindo itinerario cos atletas da proba absoluta. Ao chegar ao 2 km, o grupo dará a volta para dirixirse á meta.

Entre as distintas probas participarán 2.816 persoas. Para máis información sobre a Carreira Popular Torre de Hércules e o seu regulamento, ademais de servizos ás participantes -como gardarroupa e duchas, dispoñibles na cidade deportiva da Torre-pódese consultar na páxina web municipal.

Recollida de dorsais e camisetas

A recollida de dorsais terá lugar o venres 22 -de 17.00 a 21.30 horas- e o sábado 23 -desde as 10.00 horas hasta unha hora antes do comezo de cada proba- na cidade deportiva da Torre. Todas aquelas persoas que fixeran a doazón solidaria que se destinará á investigación para a mellora da calidade de vida das mulleres con cancro de mama poderán recoller a súa camiseta conmemorativa #QuerémonosVivas. Para todas aquelas inscritas na proba pero que non fixeran a doazón durante o proceso de formalización da súa participación, poderán facer a súa achega  no espazo instalado para tal finalidade na cidade deportiva. Tamén se dará coa doazón -ata esgotar as unidades- a camiseta da carreira.