A Coruña e Picasso protagonizan o sorteo de Lotería

Loterías y Apuestas del Estado elixiu A Coruña e o motivo da exposición, El primer Picasso. A Coruña 2015 para trasladar un dos seus habituais sorteos, o da Lotería Nacional, á cidade herculina. Unha cita que terá lugar o próximo 21 de febreiro de 2015.

O presidente da Fundación Emalcsa, o alcalde Carlos Negreira, xunto ao director de Relacións Institucionais e Internacionais e do delegado de A Coruña de Loterías y Apuestas del Estado, Manuel Gómez Amigó e Miguel González Reija, respectivamente, presentaron o décimo do sorteo viaxeiro da Lotería Nacional, que se celebrará na cidade o próximo 21 de febreiro.

El Primer Picasso

Neste billete inclúese o óleo Hombre con boina, pintado por Pablo Picasso e que formará parte da exposición El primer Picasso. A Coruña 2015 que se inaugurará o día 19 do mesmo mes no Museo de Belas Artes. “Este décimo e a celebración do sorteo na cidade contribúen á difusión da exposición de Picasso, que será unha fonte de riqueza cultural e turística”, destacou o alcalde.

O bombo da Lotería xirará en A Coruña o sábado 21 de febreiro, ás 13.00 horas, no Auditorio Gaviota de Palexco, e  retransmitirase para toda España. A imaxe do cadro Hombre con boina aparecerá en 10 millóns de décimos (10 series de 100.000 billetes) que xa están á venta nas administracións de lotería. Esta obra foi pintada polo malagueño en 1895 e é propiedade do Museu Picasso de Barcelona, pero foi cedida para a mostra que se celebra en A Coruña do 19 de febreiro ao 24 de maio.

Este sorteo, no que se repartirán uns 42 millóns de euros en premios, é o oitavo que se celebra na cidade, tras os realizados en 1970, 1989, 1994, 2003, 2005, 2008 e 2013. Tamén será a décimo quinta ocasión na que A Coruña protagoniza un décimo de lotería, algo que anteriormente fixeron a Torre de Hércules, os reloxos do Concello ou a Semana da Ciencia. O alcalde agradeceu a colaboración de Loterías y Apuestas do Estado á hora de contribuír á promoción da exposición e por realizar un segundo sorteo con fins sociais, no que se adxudicará unha subvención de 4.000 euros a unha entidade benéfica da cidade.