Comeza o Ciclo de Lírica Inclusiva 2017

O Festigual, Festival de Artes pola Inclusión Social, achégase esta semana a Monte Alto. A programación libre de barreiras impulsada polo Concello de A Coruña e a Fundación Emalcsa celebrará o xoves 16 de novembro un recital operístico no centro cívico do barrio. Será un concerto enmarcado no Programa Lírica Inclusiva, promovido por Amigos de la Ópera e que ten como finalidade achegar a actividade musical a públicos e espazos diferentes aos habituais.

O recital, cuxa entrada será libre, comezará ás 19.00 horas e contará coa participación da soprano Clara Penas, o tenor Ramón Harto e a pianista Ludmila Shevyakova. Entre as obras que se interpretarán, inclúense pezas de Puccini, Verdi, Bernstein, Chapí ou Rachmaninov.

O concerto deste xoves será a segunda cita da programación expandida do Festigual, que nace coa idea de dar visibilidade, neste último trimestre do ano, as actividades e proxectos que formaron parte da primeira convocatoria do Programa Cultura Accesible e Inclusiva. Así, durante os meses de novembro e decembro, o festival levará a diferentes espazos da cidade un amplo abanico de disciplinas artísticas abertas, participativas, inclusivas, libres de barreiras e aptas para todos os públicos.