Inés Rey, presidenta da Fundación Emalcsa, pon en valor o papel terapéutico da música nos programas de musicoterapia realizados en centros de educación especial da cidade

A presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou esta maña xunto co concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, a sesión do programa de musicoterapia que promove a Fundación Emalcsa no CEE Nosa Señora de Lourdes, Aspronaga. No acto tamén estivo presente Rubén Mateos, director do centro, e Iria Rajal, terapeuta responsable do proxecto.

O programa consiste no uso da música como proceso terapéutico, empregando elementos como o son, o ritmo, a melodía e a harmonía co obxectivo de facilitar e promover a comunicación, a aprendizaxe, a mobilización e expresión xunto con outros obxectivos terapéuticos relevantes para asistir ás necesidades físicas, psíquicas, sociais e cognitivas.

A Fundación Emalcsa leva a cabo este programa en tres centros de educación especial, cun grande éxito en todos os casos. Ademais de Aspronaga, tamén se realiza no Nosa Señora do Rosario e na Grande Obra de Atocha. “A música ten unha gran capacidade terapéutica e abre moitas posibilidades aos seus usuarios e usuarias”, apuntou Inés Rey tras a visita.

Na actualidade hai un total de 72 alumnas e alumnos que participan nos obradoiros dos tres centros suscritos ao programa. O rango de idade das persoas usuarias varía entre os 3 e os 19 anos, con afeccións moi diferentes entre elas.