A presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, asinou esta mañá co presidente e conselleiro delegado de Gadisa Retail, Roberto Tojeiro, un novo acordo de colaboración entre a empresa e a Fundación Emalcsa ata 2022 co obxectivo de levar a cabo unha nova edición do programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’, que busca a igualdade e a inclusión social a través do deporte. Mediante o convenio asinado, o grupo empresarial comprométese a colaborar con este programa ata o 31 de agosto de 2022.
Durante o acto, no que tamén estiveron presentes a vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, Inés Rey destacou a importancia do programa ‘Deporte Solidario e Inlcusivo’ como maneira de impulsar a inclusión social a través do deporte, un obxectivo que se mantén en todas as convocatorias para que as entidades deportivas de A Coruña poidan poñer en marcha actuacións que fomenten a inclusión e a igualdade. O concello herculino destina, a través da Fundación Emalcsa, un total de 250.000€ para financiar os proxectos que se atopan dentro deste programa.
Na última edición de ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ concedéronse axudas a 26 entidades da cidade: unha ampla representación da diversidade de deportes que se poden practicar no concello. Para o desenvolvemento destas iniciativas, as entidades deportivas contarán, ademais, coa colaboración de outras de carácter social, especializadas na atención ao distintos colectivos beneficiarios nos proxectos da convocatoria, coma Down Coruña, Aspronaga, Fundación Ingada, Aspace Coruña, Ecos do Sur eFundación Camiña Social, entre outras.