O presidente da Fundación Emalcsa e alcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro, firmou un convenio co presidente e conselleiro delegado do grupo empresarial Gadisa, Roberto Tojeiro. Mediante o acordo, a firma coruñesa colaborará co Concello no impulso e desenvolvemento do Programa Deporte Solidario e Inclusivo, que busca a igualdade e inclusión social a través da práctica deportiva. Gadisa comprometeuse a colaborar con citado programa, ao menos, durante os anos 2017, 2018 e 2019.
En primeiro lugar, Gadisa formalizará as actuacións que desenvolverá durante este exercicio e o seguinte, e que se traducirán en dúas aportacións económicas que suman, en total, 17.000 euros (a primeira, de 7.000 euros, a entregar nos quince primeiros días desde a firma do convenio, e a segunda, de 10.000 euros, antes do 31 de xaneiro de 2018).
Xulio Ferreiro destacou, nun acto no que tamén estivo presente a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, co programa Deporte Solidario e Inclusivo busca “non só a integración mediante o deporte, senón tamén a difusión dos valores asociados á práctica deportiva“. Así, manifestou o agradecemento a Gadisa e ao resto de entidades que colaboran, xa sexa con aportacións económicas ou co desenvolvemento de programas de actividades deportivas e sociais, e indicou a vontade do goberno coruñés “de manter durante os anos que sexa posible un programa que está resultando un éxito, en tanto que contribúe a facer desta unha cidade mellor”.
“A nosa intención é a de seguir afondando no desenvolvemento deste programa. De novo, tanto este exercicio, como os seguintes, queremos volver a realizar as convocatorias de subvención que posibilitarán que entidades deportivas da cidade poidan poñer en marcha actuacións basadas na inclusión e na igualdade”, destacou o rexedor, que indicou que a intención do Concello é destinar, como mínimo anual, a través da Fundación Emalcsa, 250.000 euros. “Outra da nosas pretensións é a de levar a cabo cada ano o Festival Deporte Solidario co obxecto de presentar as mellores prácticas r contribuír á difusión dos obxectivos do programa”, comentou o mandatario local.
A última convocatoria de Deporte Solidario serviu para financiar 26 proxectos sociais distintos que se levaron a cabo entre decembro do pasado ano e este agosto e que abarcaron máis de 20 disciplinas deportivas distintas, como baloncesto, tenis, pádel, rugby, hockey, taekwondo, fútbol sala, piragüismo ou natación. Estímase que, en total, beneficiáronse máis de 9.000 persoas.