O presidente da Fundación Emalcsa e alcalde, Xulio Ferreiro, asinou esta mañá co presidente e conselleiro delegado de Gadisa Retail, Roberto Tojeiro, un novo acordo de colaboración entre a empresa e a Fundación Emalcsa ata 2020 co obxectivo de levar a cabo unha nova edición do programa Deporte Solidario e Inclusivo, que procura a igualdade e inclusión social a través da práctica deportiva. O grupo empresarial comprométese, mediante o convenio asinado, a colaborar con citado programa ata o 31 de agosto de 2020 para o que formalizará a entrega dunha aportación económica de 10.000 euros no prazo de 15 días.
Ferreiro destacou, nun acto no que tamén estivo presente a vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, que o programa Deporte Solidario e Inclusivo busca impulsar e afondar na inclusión a través da práctica deportiva, un obxectivo que se mantén en cada convocatoria de subvencións para que as entidades deportivas da cidade poidan poñer en marcha actuacións baseadas na inclusión e a igualdade. O Concello da Coruña destina, a través da Fundación Emalcsa, un total de 250.000 euros para financiar o desenvolvemento dunha vintena de proxectos que promovan a igualdade de oportunidades e a integración social a través da práctica deportiva de distintas disciplinas de base.
Na última edición da mesma, foron 27 as iniciativas seleccionadas coas que colaborarán 20 entidades sociais da cidade e que engloban unha ampla representación da diversidade de deportes que se poden practicar na cidade, entre os que se inclúen hóckey -herba e sala-, tenis, tenis de mesa, bádminton, pádel, baloncesto, boxeo, escalada, patinaxe, fútbol e fútbol sala, piragüismo, esgrima, atletismo, tríatlon e péntatlon moderno, judo, xadrez, halterofilia, balonmán, vela, tira con arco, natación rugby, hípica ou waterpolo.