A Fundación Emalcsa investirá 250.000 euros para a financiación de proxectos deportivos que desenvolverán 29 entidades da cidade, no marco da IV convocatoria do programa Deporte Solidario e Inclusivo, que pretende promover a integración social a través da práctica de distintas disciplinas de base.
O alcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro, en calidade de presidente da Fundación Emalcsa, firmou os convenios coas entidades adxudicatarias que poderán desenvolver os programas ata o 31 de agosto de 2018. Nesta convocatoria, os proxectos presentados abarcan ámbitos como a educación en valores, o fomento da igualdade de xénero, a participación de persoas con diversidade ou en risco de exclusión social, accións solidarias ou proxectos innovadores. Tal e como destacou o rexedor, este programa, que o ano pasado contou con 16.700 persoas beneficiarias das actividades, permite afondar nun proxecto de cidade “máis próxima, inclusiva e xusta”.
A IV convocatoria de Deporte Solidario e Inclusivo introduciu novidades, como potenciar o desenvolvemento de proxectos que afronten a través da inclusión problemáticas sociais dunha complexidade especial, así como que as actividades se desenvolvan en base a alianzas e proxectos de colaboración con entidades sociais. En total, foron seleccionados os proxectos de 29 entidades, e que representan “a ampla diversidade de deportes que se practican na nosa cidade”, destacou o alcalde, entre os que se encontran hóckey –en patíns, herba e sala–, tenis, tenis de mesa, pádel, baloncesto, escalada, patinaxe, fútbol e fútbol sala, piragüismo, voleibol, esgrima, tríatlon e péntatlon moderno, halterofilia, balonmán, la viere, buceo, tiro con arco, natación ou waterpolo.
Ampla representación social
As entidades que desenvolverán a programación de actividades serán as seguintes: Club Escuela de Tenis Marineda, Alquimia Inline, Club Halterofilia Coruña, Zalaeta 100tolos, Club Natación Coruña, Club de Rugby de Arquitectura Técnica (CRAT), Club de Mar de San Amaro, Agrupación de Montañeros Independientes, Club Básquet Coruña, Real Sociedad Hípica de A Coruña, Unión Veciñal Ventorrillo, Grumico S.D., Sociedade Deportiva As Xubias, Athletic Coruña Hockey Club, Sporting Club Casino de A Coruña, Real Club Náutico de A Coruña, Club Torre SD, Viaxes Amarelle FSF, Victoria CF, Club Maristas, Club Instituto Zalaeta, OAR Ciudad Vieja de 1952, Club 5 Coruña Fútbol Sala, Orillamar SF, BM Línea 21, Orzán SD, Club Silva SD y Hockey Club Liceo.
Para o desenvolvemento destes proxectos participarán entidades entre as que se encontran ASPRONAGA, GRUMICO, COGAMI, Fundación Camiña Social, Fundación Meniños, ONG Viraventos, ASPERGA, Centro de Protección de Menores Lar A Mercé, Down Coruña, ACLAD Coruña, ASPACE Coruña, Equus Zebra, ADCOR, Fundación Ingada, FEAFES, ADACECO y la Fundación Juan Soñador.