O presidente da Fundación Emalcsa, o alcalde Carlos Negreira; o primeiro tenente de alcalde de Cádiz, Bruno García; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza, Miguel Ángel Cadenas; a conselleira de Traballo, Beatriz Mato; e a portavoz municipal do PSOE, Mar Barcón, entre outras autoridades, participaron o 1 de decembro na inauguración da exposición A Coruña-Cádiz: a Constitución irmá, dedicada ao bicentenario da Carta Magna de 1812, e descubriron unha placa na rúa Damas, para recordar o lugar que ocupaban as antigas Casas Consistoriales, cando A Coruña gritou: “¡Viva la Pepa!”.
“En 1812 queda atrás o español súbdito e aparece o español cidadán”, asegurou Carlos Negreira no seu discurso, no que destacou tamén que o primeiro Concello constitucional de A Coruña xurdiu a raíz da proclamación da Carta Magna de Cádiz. “A nosa cidade viviu unha explosión de xúbilo popular”, afirmou o alcalde, recordando as celebracións que se viviron na praza de Azcárraga (chamada entón praza da Harina), no Cantón Grande, Santa Catalina e a praza de San Jorge. Tras o descubrimento da placa, a banda municipal interpretou os himnos galego, andaluz e español.
A continuación, as autoridades desprazáronse ata a Casa da Cultura Salvador de Madariaga, onde pode visitarse a exposición A Coruña-Cádiz: a Constitución irmán, ata o 27 de xaneiro de 2013. Esta mostra, organizada coa colaboración da Asociación de la Prensa de La Coruña e a Fundación Emalcsa, conta con un dos sete exemplares orixinais que se conservan da Constitución Liberal de Cádiz, e que abandona Andalucía por primeira vez na súa historia.