Estrea de ‘Diversos funcionais’ a través da III convocatoria Cultura Accesible e Inclusiva

O presidente da Fundación Emalcsa e alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado da vicepresidenta da Fundación e edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, asistiu esta mañá ao ensaio xeral do concerto que a Banda Municipal de Música da Coruña ofrecerá este xoves, 2 de maio, ás 20:00 horas no Pazo da Ópera. A actuación suporá a estrea e presentación ao público do disco Diversos funcionais, un traballo que nace froito do proxecto Músicas inclusivas e participativas que a Asociación Cultural Tres por Cuatro está a desenvolver no marco da III convocatoria Cultura Accesible e Inclusiva. Este programa, impulsado pola Fundación Emalcsa a través do Concello da Coruña, promove a posta en marcha de iniciativas que faciliten a inclusión de persoas con diversidade na vida cultural e sexan protagonistas da mesma.

Músicas inclusivas e participativas naceu no ano 2016, ao abeiro da primeira convocatoria de Cultura Accesible, coa colaboración do músico e técnico sociosanitario Rober Pier, coa idea de desenvolver unha terapia musical enfocada á diversidade a través do coñecemento e a interpretación de mantras creados polo artista. Logo de dous anos de obradoiros e concertos nos que tamén participou a Banda Municipal, este ano a Asociación Tres por Cuatro ampliou o proxecto para dar cabida a un maior número de entidades que traballan no ámbito das diversidades na cidade e favorecer a gravación dun disco da man da agrupación musical municipal. Así, persoas usuarias da Asociación de Dano Cerebral Adquirido (Adaceco), Fundación Adcor, Asociación para a integración do neno disminuído (AIND), Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Grupo de Persoas con Discapacidade de A Coruña (Grumico), Centro de Atención a Persoas con Discapacidades da Coruña (CAPD Coruña) e Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) participaron nos últimos meses tanto nos obradoiros como no rexistro dos 10 temas que conforman o disco. No traballo, que se presentará este xoves nun concerto aberto á veciñanza, tamén interviron artistas como Lydia Botana, o grupo vocal EntreElas ou os coros Sotto Voce e Ludus Tonalis.

Diversos funcionais recolle as obras creadas ao longo destes obradoiros por Robert Pier, entre as que se inclúe unha nova peza, Éter, que se presentará no concerto do xoves. As obras contan con arranxos de Simón García, compositor e músico da Banda Municipal, que interpretará os temas baixo a dirección de Juanjo Ocón.  No concerto, tamén participarán membros do grupo coral CEIP San Pedro de Visma e do coro da Universidade, superando así o cento de cantantes que se darán cita no escenario do Pazo da Ópera.

Músicas inclusivas e participativas é un dos doce proxectos que se levarán a cabo neste 2019 no marco da terceira edición de Cultura Accesible e Inclusiva. No programa, no que no ano pasado participaron máis de 10.000 persoas nos seus eventos, conta co apoio de entidades como a Fundación María José Jove, Repsol, Vegalsa, Fundación Banco Sabadell e Naturgy.