O Pazo de María Pita acolleu o martes 31 de xullo a entrega de premios ás dez persoas que realizaron o I Curso de Limpeza Viaria posto en marcha pola Fundación Emalcsa, o Concello da Coruña e Ferrovial Servicios.
Estas institucións crearon o proxecto ‘Escola Oficios Ferrovial Servizos’ co fin de impartir formación teórica-práctica relacionada coa limpeza viaria para fomentar a inserción laboral de colectivos de alta vulnerabilidade fronte ao emprego e reforzar o impacto social a través de acción de divulgación, sensibilización e información.
Nesta formación de 170 horas lectivas, participaron persoas derivadas de servizos de Xustiza Social e Coidados e o Centro de Información á Muller. Tras recibir as súas 40 horas de formación teórica e 130 horas de práctica, os participantes recibiron un diploma que lles acredita os seus coñecementos en limpeza viaria.
Os encargados da entrega de diplomas foron o presidente da Fundación Emalcsa e alcalde, Xulio Ferreiro, a vicepresidenta da Fundación Emalcsa, concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e o xerente Ferrovial Servizos en Galicia, Manuel Docampo.
A Escola de Oficios Ferrovial Servicios sintoniza plenamente co espírito, actividade e filosofía do programa ‘A Flote’, outro proxecto onde colaboran a Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña. ‘A Flote’ é un programa de integración e prestacións sociais cuxa finalidade é prestar atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión para axudar a súa plena inserción social.