Aberta a cuarta convocatoria de Deporte Solidario e Inclusivo

A vicepresidente da Fundación Emalcsa, a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e o titular de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentaron as bases da IV Convocatoria Deporte Solidario e Inclusivo, que desenvolve a Fundación Emalcsa e que pretende promover a integración social a través da práctica de distintas disciplinas de base. Cunha dotación de 250.000 euros, as entidades deportivas e sociais que o desexen poderán presentar os proxectos cos que optarán a subvención ata o próximo 10 de novembro.

“Estamos especialmente satisfeitos con esta actividade, que ten como obxectivo apoiar ás entidades deportivas a desenvolver accións concretas que favorezan a colectivos en risco de exclusión a través dos valores tanto deportivos como sociais”, explicou Rocío Fraga, que destacou que, por primeira vez, este programa está aberto á colaboración de terceiras partes que realizan unha labor de patrocinio, como é o caso de Gadisa.

Sande insistiu no éxito cultivado co Deporte Solidario e Inclusivo en anteriores edicións. Así, indicou que segundo os datos da Fundación Emalcsa, o pasado ano, entre persoas beneficiarias e participantes, 13.700 veciños e veciñas de A Coruña víronse implicadas no programa. “Desde o Concello outorgamos subvencións a 26 entidades deportivas da cidade para o fomento de 19 disciplinas como baloncesto, fútbol, waterpolo, voleibol, esgrima, halterofilia, tenis, natación, pádel, tenis de mesa, fútbol sala, tríatlon, natación sincronizada, piragüismo, patinaxe, equitación, buceo, xadrez, escalada e rugby”, comentou o edil, que tamén destacou que “a raíz destas actividades xeráronse 5.288 novas licencias federativas, o 34% delas femininas”.

“O número de persoas beneficiarias dos proxectos sociais foron 3.425, contabilizándose 1.115 persoas con algún tipo de diversidade funcional ou intelectual, 893 menores de familias en risco de exclusión social, 146 menores de unidades familiares de persoas emigrantes ou en asilamento, e 790 mulleres e nenas que decidiron coñecer e practicar deportes con representación feminina”, comentou o concelleiro.

“O que pretendemos é fomentar o traballo en rede entre as entidades deportivas e as organizacións sociais da cidade. Na pasada convocatoria de Deporte Solidario e Inclusivo non só se beneficiaron 26 entidades deportivas da cidade, senón que estas colaboraron con máis de 30 entidades sociais, así como con algúns departamentos e servizos municipais que traballan coa muller, a saúde infantil e os servizos sociais a través de acordos de colaboración, establecendo canais de coordinación para a derivación dos e das participantes”, explicou Fraga, que subliñou que esta convocatoria conta cunha serie de melloras, como que o prazo de execución de actividades se amplía ata o 31 de agosto do próximo ano.

“A cuantía mínima de axudas a distribuír por proxecto é de 3.000 euros, sendo a máxima de 20.000 euros”, indicou, ao tempo que recordou que “este programa se complementa co de Cultura Accesible e Inclusiva, que busca favorecer a igualdade e o acceso á cultura de todos os sectores da sociedade que presente distintas diversidades”.