O alcalde de A Coruña e presidente da Fundación Emalcsa, Carlos Negreira, acompañado polos concelleiros Julio Flores e Francisco Mourelo, presentou esta semana o Programa Deporte Solidario ante representantes das asociacións deportivas máis significativas da cidade. Trátase dun programa de axudas, dotado con 250.000 euros, e destinado a proxectos que combinen acción social e fomento do deporte de base.
Cada entidade pode optar a un máximo de 20.000 euros, e presentar non máis de tres propostas. Deben enmarcarse nalgunha das seguintes liñas de actuación: xénero e actividade física; educación en valores; participación e integración de nenos e mozos en situación de desvantaxa social; atención á diversidade; e participación en actividades solidarias. Os interesados poderán presentar as súas iniciativas antes do 28 de outubro e contarán cunha asistencia técnica para elaborar os seus proxectos.
Con esta iniciativa, o Concello inaugura un paquete de medidas que se irá desenvolvendo nos próximos meses, e que está deseñado a partir das conclusións do estudio Asociacionismo Deportivo en A Coruña, un traballo no que participaron 49 colectivos que representan a máis de 11.000 membros. Dito informe constatou o interese destas entidades por tomar parte en programas de contido educativo e social e a necesidade de continuar na tarefa de profesionalizar e mellorar a cualificación dos técnicos que nelas traballan.