En que consistiu
A Fundación Emalcsa colaborou co Concello da Coruña e a Deputación provincial e puxeron en marcha a mostra José Sellier en A Coruña. Os comezos do cine español, dedicada ao fotógrafo e cineasta José Sellier Loup (1850-1922), nado en Givors (Francia) pero que desenvolveu toda a súa carreira na cidade herculina. A exposición puido verse na Sala Municipal Salvador de Madariaga en 2013 e serviu para reivindicar a un descoñecido pioneiro da cinematografía, o primeiro en rodar en España cunha cámara Lumière.
As súas películas Orzán, Plaza de Mina e Fábrica de gas, filmadas na Coruña en maio de 1897, son as máis antigas que puideron ser datadas con fidelidade no noso país.
Ademais editouse o volume José Sellier na Coruña: as orixes do cine español, distribuído pola editorial Galaxia e celebrouse un seminario sobre o pioneiro do cine na Coruña.