Concurso de debuxo sobre Picasso para alumnos de Primaria e ESO

O primeiro tenente de alcalde do Concello de A Coruña, Julio Flores; e os presidentes da Asociación de la Prensa, Manuel González; e da Asociación Pablo Ruiz Picasso da cidade herculina, Ángel Padín; presentaron a primeira edición do Concurso de Debuxo Picasso Coruñés, convocado pola Fundación Emalcsa. Está dirixido a alumnos de Primaria e ESO e pretende dar a coñecer entre os estudantes de Primaria e Secundaria a figura do artista na súa xuventude.

De feito, os participantes terán unha idade similar á de Pablo Picasso durante a súa estancia en A Coruña, época na que non só pintou os seus primeiros cadros, senón que elaborou xornais como Azul y Blanco, La Coruña o Torre de Hércules. Polo tanto, premiaranse tanto debuxos como a redacción de noticias e o deseño de publicacións informativas.

Os estudantes poden participar individualmente ou en grupos de ata tres membros, avalados sempre por un profesor. O concurso está dividido en tres categorías: Grupo A (3º-6º de Primaria), Grupo B (1º e 2º de ESO) e Grupo C (3º e 4º de ESO). En cada unha delas, concederanse tres galardóns.

  • Premio Picasso Coruñés ao mellor xornal. Cheque regalo por valor de 450 euros e un iPad2 para os profesores.
  • Premio José Luis Bugallal Marchesi á mellor ilustración. Cheque regalo de 300 euros.
  • Premio Olga Cristina Viaño Sánchez á mellor redacción. Cheque regalo de 300 euros.

Todos os gañadores recibirán, ademais, unha réplica da Torre de Hércules. Os mellores traballos expoñeranse no baixo da Casa Museo do artista, recentemente reformado, e os debuxos premiados publicaranse na revista Tiempo coruñés, editada pola Asociación Pablo Ruíz Picasso de A Coruña. As bases do concurso poden consultarse nesta mesma páxina web.

A iniciativa enmarcase nos esforzos do Concello e a Fundación Emalcsa por dar a coñecer a etapa do xenial malagueño en A Coruña. Na mesma liña, os días 16 e 18 de outubro celebrarase na nosa cidade un congreso da UIMP ao que asistirán especialistas en Picasso dos museos de París, Málaga e Barcelona, xunto a varios estudosos galegos.