O Concello reforza a rede de apoio ao Festigual coa incorporación de Reale Foundation

 • Reale Foundation incorpórase como novo patrocinador do festival, reforzando a súa proxección social e estatal
 • Festigual celebrará en 2026 o seu décimo aniversario consolidado como un referente nacional en cultura accesible e inclusión social a través da arte

O Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa asinaron un novo acordo de colaboración con Reale Foundation para apoiar a próxima edición de Festigual, o festival de Artes pola Inclusión e a Diversidade da Coruña. Este ano, o festival cumple dez anos, consolidándose como un dos eventos de referencia a nivel estatal no ámbito da cultura accesible, a participación comunitaria e a transformación social a través da arte.

Con esta alianza, Reale Foundation incorpórase como novo patrocinador do festival, sumándose ao apoio doutras entidades comprometidas co desenvolvemento social e cultural, como a Fundación María José Jove e Vegalsa. A colaboración permitirá fortalecer a estrutura do evento, ampliar a súa visibilidade nacional e impulsar novas iniciativas vinculadas á inclusión, á accesibilidade e ao benestar social.

Festigual naceu no ano 2016 no marco do programa Cultura Accesible e Inclusiva impulsado polo Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa, como resposta á necesidade de garantir o acceso universal á cultura e promover a participación activa de persoas con diversidade funcional ou en situación de vulnerabilidade na vida artística da cidade. Desde entón, o festival desenvolveu unha traxectoria consolidada baseada na eliminación de barreiras físicas, comunicativas e actitudinais, convertendo a cultura nunha ferramenta de convivencia, inclusión e cohesión social.

Ao longo das súas nove edicións, Festigual transformou os principais espazos culturais da Coruña en contornos accesibles e inclusivos, cunha programación gratuíta e aberta á cidadanía que inclúe propostas de teatro, música, danza, cinema, exposicións, instalacións artísticas, programas sociais, actividades de arteterapia e encontros formativos.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, asinou o novo convenio de colaboración con Reale Foundation.

Na súa última edición, o festival contou coa participación de 110 artistas con diferentes necesidades de inclusión, moitos deles con diversidade funcional, ademais da implicación de boa parte das entidades sociais e culturais da cidade. As actividades escénicas e culturais reuniron preto de 3.000 asistentes, mentres que a súa estratexia de sensibilización e comunicación acadou máis de medio millón de visualizacións en redes sociais, reforzando a capacidade do festival para xerar conciencia arredor da diversidade, a accesibilidade e os dereitos culturais.

O acordo con Reale Foundation permitirá tamén desenvolver novas accións dentro da campaña “Cultura con Impacto”, orientada a ampliar significativamente o alcance estatal do festival e reforzar a súa capacidade de sensibilización social.

A décima edición de Festigual chegará ademais cunha programación ampliada e cun reforzo do seu compromiso coa sustentabilidade e o benestar comunitario, incorporando accións de sensibilización ambiental, actividades educativas e novas liñas de traballo vinculadas á saúde mental, á musicoterapia e á participación xuvenil.

O festival, impulsado pola Fundación Emalcsa, mantén unha metodoloxía participativa e unha gobernanza colaborativa que implica entidades sociais, asociacións culturais, centros educativos, profesionais da accesibilidade e administracións públicas. Este modelo de traballo compartido permitiu consolidar unha ampla rede comunitaria comprometida coa cultura como motor de cohesión social e desenvolvemento sostible.

Desde a organización destacan que “a colaboración con Reale Foundation reforza a dimensión social de Festigual e consolida un proxecto cultural que transcende o artístico para xerar un impacto real e duradeiro na comunidade”.

Pola súa banda, Reale Foundation reafirma con este acordo o seu compromiso coa cultura con impacto, apoiando iniciativas que xeran valor social tangible e que sitúan ás persoas no centro da acción cultural e comunitaria.