A Fundación Emalcsa, en colaboración con Vegalsa e a Fundación María José Jove, ven de lanzar a VI convocatoria do programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ para o desenvolvemento de proxectos sociais co obxectivo de promover unha igualdade de oportunidades no acceso á cultura na cidade da Coruña.
Desde a súa primeira edición en 2016, a Fundación Emalcsa colaborou con 59 entidades para a posta en marcha de proxectos sociais que achegaran a cultura a personas en risco de exclusión para que, así, poidan desenvolver todo o seu potencial creativo e intelectual.
Na V convocatoria de ‘Cultura Accesible e Inclusiva’, que estivo marcada pola situación sanitaria derivada da pandemia da covid-19, a Fundación Emalcsa subvencionou os proxectos sociais de 14 entidades culturais que levaron a cabo actividades de promoción da cultura con 32 asociacións da cidade. En total, máis de 4.000 persoas se viron beneficiadas das actividades deselvolvidas no marco do programa.
As bases da convocatoria están xa dispoñibles na páxina web da Fundación Emalcsa, sendo o 11 de setembro de 2021 a data límite para a presentación de solicitudes.