Durante todo o mes de outubro, A Coruña acolle unha nova edición do ciclo de concertos de lírica inclusiva, unha iniciativa de acceso gratuíto que combina talento, compromiso social e cultura ao alcance de todos os públicos.
O programa, impulsado pola Asociación de Amigos da Ópera co apoio da Fundación Emalcsa, ofrece unha dobre oportunidade: por unha banda, achegar a música lírica a diferentes espazos da cidade e, por outra, brindar ás e aos artistas novos a posibilidade de presentarse ante o público coruñés. Todos os recitais contarán co acompañamento ao piano de Gabriel López.
Entre as e os intérpretes destacan voces con proxección no panorama operístico, como Rocío Muñoz, Alexandra Zamfira e Marcelo Solís, seguindo a traxectoria de artistas que en edicións anteriores deron o salto a escenarios profesionais, como Irene Zas ou David Cervera.
O ciclo desenvolverase en tres datas e escenarios distintos:
-
11 de outubro: recital de Rocío Muñoz, cunha selección de zarzuelas na Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos ás 18 h.
-
17 de outubro: actuación de Alexandra Zamfira, que presentará un programa con canción española e melodías francesas e italianas no Centro ONCE ás 19 h.
-
24 de outubro: peche do ciclo co tenor Marcelo Solís, nun recital que combinará ópera e lírica española no Círculo de Artesanos ás 19 h.
Con esta programación, a Fundación Emalcsa reforza o seu compromiso coa inclusión cultural e o acceso universal á música, apoiando iniciativas que contribúen á cohesión social a través da arte.
