‘A Flote’ prestou axuda en catro meses a 69 persoas en risco de desafiuzamento

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, fixo este luns balance do desenvolvemento do programa de integración social A Flote, que o Concello puxo en marcha no mes de xuño a través dun convenio de colaboración coa Fundación Emalcsa, e que desde entón prestou axudas a un total de 69 persoas, “co obxectivo de evitar desafiuzamentos ou, en casos inminentes e inevitables, proporcionar unha alternativa habitacional inmediata”. Dese total de persoas beneficiarias, pertencentes a 19 familias, cóntanse 27 menores.

Como expón Cameán, esta nova liña de prestacións xorde para atender a situacións de risco de exclusión que non poden ser atendidas por outras vías de intervención pública normalizada, e que teñen carácter urxente, puntual ou transitorio, para evitar situacións de desprotección derivadas de requisitos de carácter formal das mesmas ou a problemas de procedemento, de maneira que facilitan as actuacións urxentes e necesarias para evitar lanzamentos e desafiuzamento de vivendas ou, neste caso, facer posible a transición inmediata a novas vivendas. Neste sentido, a responsable municipal destaca a axilidade da concesión das axudas deste programa, xa que todas elas fixéronse efectivas no prazo máximo de dous días desde a súa solicitude. “Con este programa o que buscamos é seguir avanzando para resolver situacións de exclusión e achegar ás persoas que o necesitan as ferramentas necesarias para que poidan recuperar a súa autonomía”, destaca, indicando que a concesión das axudas va asociada a itinerarios de inserción social.

A concelleira destaca que este programa sirve tamén para impulsar o carácter social da Fundación Emalcsa, que se encarga de prestar información e facer acompañamento e asesoramento ás persoas solicitantes, ademais da xestión administrativa e do seguimento e xestión das accións de inserción social que establece o programa, mediante un traballo coordinado e en rede cos servizos sociais municipais, que interveñen nos procesos. “Deste modo, favorécese a coordinación dos casos e pódense paliar situacións de especial vulnerabilidade e urxencia polo risco de perda de vivenda e outros factores asociados, como a protección de menores de idade ou de persoas dependentes en risco de exclusión”, fai notar a conselleira, quen indica que A Flote serve ademais como programa piloto que permite avaliar las posibilidades de mellora do sistema de cara a poñer en marcha novas modalidades ou potenciar as xa existentes.