Avance do documental ‘Gabriel é o noso amigo’ de Mario Pilarte e Juanjo Ocón

O próximo 21 de xuño estreárase no Teatro Colón de A Coruña o documental ‘Gabriel é o noso amigo’ dirixido por Mario Pilarte. Este documental recolle diversos momentos do concerto celebrado en honor a Gabriel, o pasado 11 de abril no Teatro Colon cando descobre que a peza musical que está escoitando trata sobre el e a súa familia.

Gabriel é un neno con varias discapacidades de difícil diagnóstico e é o maior  fan da Banda Municipal da Coruña. Desde hai dous anos acude a todos os seus concertos e ten todos os seus discos e vídeos. E, así é como xurdiu esta bonita amizade entre Gabriel e os músicos da banda, e sobre todo, con Juanjo Ocón.

A peza musical compúxoa o director da Banda Municipal, Juanjo Ocón, e na que se poden diferenciar tres partes: na primeira, transmítese como afronta a situación a nai e a familia; na segunda, o amor entre a nai e o fillo; e finalmente, a peza remata cun ritmo alegre transmitindo a diversión que sente Gabriel coa música.

Pilarte resume o documental nunha frase: “afinando a infancia”. Pero, recalca unha frase que lle dixo Juanjo Ocón e que considera que resume aínda mellor o documental: “ A música é o  mellor piropo para a alma”.

Aínda que o documental se presente o 21 de xuño, hoxe deixámosvos este avance:

‘Gabriel é o noso amigo’ encadrase no noso programa Cultura Accesible e Inclusiva e conta co apoio de entidades como a Fundación María José Jove, Repsol, Vegalsa, Fundación Banco Sabadell e Naturgy.