Esta mañá tivo lugar a firma do convenio da IX convocatoria do programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ coas entidades colaboradoras, un proxecto promovido pola Fundación Emalcsa en colaboración co Concello da Coruña e Gadisa ao que se destinará un total de 250.000€.
Este programa destina axudas para a promoción da igualdade de oportunidades, a integración social e o fomento de hábitos de vida saudables a través da práctica deportiva. Con esta novena convocatoria, Inés Rey, presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, destacou que desde as institucións públicas “continúase avanzando no compromiso co deporte e especialmente coa inclusividade no deporte, ampliando os recursos das entidades para que poidan desenvolver os seus proxectos”.
Inés Rey, que estivo acompañada no acto por Yoya Neira, vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, e por representantes das entidades seleccionadas, sinalou que “os 19 proxectos seleccionados nesta convocatoria impactarán de forma directa en máis de 5.870 persoas, que participarán durante os próximos meses en numerosas actividades de carácter deportivo”.
Gran parte dos proxectos seleccionados incorporan unha oferta de prazas gratuitas en escolas, campamentos e demais actividades dos clubes, dirixidas principalmente a menores en situación de exclusión económica. “Un total de 388 prazas que serán xestionadas polo persoal de Servizos Sociais Municipais ás que quero agradecer o seu traballo pola intensa labor que fan día a día”, explicou Rey.
As entidades subvencionadas na IX convocatoria do programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ son:
- Club Escuela de Tenis Marineda
- AMI Montañismo
- Zalaeta 100Tolos
- Club Halterofilia Coruña
- Orillamar SD
- RSD Hípica de la Coruña
- Club Torre SD
- Club Natación
- Club Esgrima A Coruña
- Athletic Coruña Hockey Club
- Club de Rugby Arquitectura Técnica
- Viaxes Amarelle FSF
- Club de Pelota
- Club Triatlón Coruña
- BM Línea 21
- 5 Coruña Fútbol Sala
- CM Oza ‘O Puntal’
- Orzán Sociedad Deportiva
- Real Club Náutico de La Coruña