A Asociación Amigos da Ópera da Coruña presenta no Teatro Colón a súa programación para a Tempada Lírica de 2024

A Tempada Lírica 2024 de Amigos da Ópera da Coruña ven de presentar a súa programación que comezará en setembro e que terá como figura central a Giacomo Puccini, no ano no que se celebra o centenario do seu falecemento. ‘O Goberno de Inés Rey mantén a súa aposta pola programación lírica, xa que consideramos que enriquece o gran abano cultural que temos na Coruña’, sinala Gonzalo Castro, concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade e responsable de Cultura. No acto, que tivo lugar no Teatro Colón, tamén estiveron presentes Natalia Lamas, presidenta da Asociación Amigos da Ópera da Coruña, Aquiles Machado, o director artístico da Tempada Lírica, e Luis Loureiro, vogal da entidade.

A tempada comezará cunha dobre representación da Bohème e finalizará tres meses despois cunha gala de clausura de temática pucciniana. En todo este tempo desenvolveranse óperas, concertos, recitais, conferencias, proxeccións de óperas e películas e presentacións de libros. 

O 8 e 10 de setembro, o Palacio da Ópera será o espazo no que se poderá volver a ver na Coruña, 17 anos despois, ‘La Bohème’, título co que se inicia o recordo a Puccini. A programación en torno ao autor italiano completarase coa conferencia previa que dará Irene de Juan Bernabeu, na sala de prensa de Afundación o 6 de setembro ás 19h.

Neste mesmo espazo realizaranse as proxeccións das óperas ‘Manon Lescaut’, ‘Edgar’ e ‘Fanciulla del West’ os días 10 e 17 de outubro e o 8 de novembro respectivamente. En novembro a Filmoteca de Galicia será o espazo no que se proxectarán os filmes: ‘La Bohème, Puccini’ e ‘Hechizo de luna’, que se poderán ver os días 7, 21 e 28.

A homenaxe finalizará o 29 de novembro, o mesmo día que se connemora o centenario da morte de Puccini, cunha Gala de Clausura na que se representarán arias e obras orquestais do músico italiano.

Os tres meses de programación completaranse cunha ampla axenda de actividades como, por exemplo, un programa de canción galega e zarzuela da man do barítono coruñés Javier Franco con José Ramón Martín ao piano, que terá lugar o 15 de setembro no Teatro Rosalía de Castro, ou a representación da segunda ópera da tempada ‘L’elisir d’amore’, que se representará os días 27 e 29 de setembro no Teatro Colón.

A esta programación súmase a actuación do barítono Marko Mimica, que estará por primeira vez no Teatro Rosalía co seu programa ‘Long Time Ago’ o 23 de outubro e a nova edición do curso de interpretación vocal a cargo de Carlos Álvarez que terá lugar no Conservartorio Superior de Música da Coruña no que novos artistas terán a oportunidade de mellorar as súas técnicas no escenario ao longo de cinco días. O prazo de inscrición para este curso abrirase próximamente tanto para estudantes coma para oíntes.

Lírica Inclusiva

Un ano máis, a Fundación Emalcsa apoiará o ciclo de lírica inclusiva que se organiza dentro desta Tempada Lírica desde fai máis dunha década co obxectivo de apostar por novos talentos e por aproximar esta arte a toda a cidadanía. O día 11 de outubro Andrea Varela actuará na Fundación Padre Rubinos, mentras que o día 18, será a quenda de Rocío Faus no Centro Cívico de Monelos. Para clausurar este ciclo de lírica inclusiva, o 25 de outubro o artista seleccionado no curso de interpretación vocal protagonizará o recital programado no Centro Cívico de Labañou. 

Outras actividades

O 14 de outubro Afundación acollerá a proxección e posterior coloquio de ‘Solo hay horizonte’, unha ópera asinada por Juan Vara e trasladada ao cine por Miguel del Río. O mes de outubro completarase cos recitais do ciclo Novas Voces Galegas con Andrea Rey o día 20 en Afundación e o ciclo Xeración Ascendente con Mónica Redondo o 22 no Museo de Belas Artes.

Pola súa banda, o 24 de outubro en Afundación realizarase a presentación do libro de Manuel Rajal ‘Historia de la ópera en viñeta’, unha aproximación lúdica á lírica para todas as idades.

Consulta toda a programación de actividades da Tempada Lírica aquí.