O alcalde de A Coruña, Carlos Negreira anunciou que esta mesma semana dará comezo a obra de musealización do baixo da Casa Picasso, de 112 metros cadrados, situado no número 14 da rúa Payo Gómez. A Fundación Emalcsa financiará esta intervención, que contribuirá a situar a cidade herculina no mapa da vida do xenial pintor malagueño.
Con esta obra, A Coruña empeza a deixar de ser o vértice perdido de Picasso en España, e recuperará o seu lugar no triángulo que forma con Málaga e Barcelona. “Moi poucas persoas coñecen o seu paso do pintor por A Coruña e o que significou para a súa traxectoria vital. Picasso chegou como un neno e foise como un artista consolidado”, destacou o alcalde.
Por iso púxose en marcha este ano un plan de potenciación da casa onde residiron o artista e a súa familia a finais do século XIX, e o primeiro paso desa actuación global será a apertura do baixo. Ese espazo funcionará a modo de zona de recepción, onde os visitantes poderán agardar a súa quenda sen estar á intemperie, o que permitirá que máis persoas coñezan a vivenda na que se forxou o xenio. O coste da obra ascende a 67.667,40 euros.
A rehabilitación de este espazo permitirá tamén localizar unha tenda de recordos, da que o museo carece agora mesmo, e un área destinada a impartir obradoiros infantís, que achegarán a figura de Picasso aos nenos e aos seus pais.
A apertura do baixo reformado realizarase no primeiro trimestre do 2013, xa que o Concello conseguiu acelerar os pasos administrativos para acortar o prazo temporal. O fin último desta posta ao día da Casa Picasso é mellorar o coñecemento sobre o período coruñés do xenial artista, que resultou determinante na súa carreira posterior. Neste sentido, farase especial fincapé nos colectivos escolares, aos que se ofrecerá durante o curso un amplo programa gratuíto de visitas e obradoiros didácticos.