Abertos os prazos de inscrición para as convocatorias ‘Deporte Solidario’ e ‘Cultura Inclusiva’ da Fundación Emalcsa

Os programas ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ e ‘Cultura Accesible e Inclusiva’, impulsados pola Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña, continúan a súa traxectoria co lanzamento, respectivamente, da súa onceava e novena edición. Ambos programas están destinados a fomentar o uso do deporte e da cultura como instrumentos de transformación social e outorgar aos colectivos máis vulnerables un mecanismo de integración que lles ofreza oportunidades para a promoción e transmisión de valores a través de actividades deportivas e culturais.

‘Ambos programas xogan un papel fundamental no compromiso do Concello da Coruña e da Fundación Emalcsa coa igualdade de oportunidades, coa integración social e co fomento da cultura e o deporte na cidade’, sinala Yoya Neira, vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Benestar Social.

O proceso de inscrición para ambas convocatorias realizarase a través da plataforma dixital habilitada na ligazón www.convocatorias.fundacionemalcsa.es, onde os interesados tamén poderán atopar toda a documentación que será precisa para tramitar as súas candidaturas. Habilitarase, tamén, unha guía práctica con todos os pasos a segur para formalizar ditas solicitudes que estará dispoñible na páxina web de Fundación Emalcsa. Ademais, dispoñerase dunha canle directa para consultas na dirección de correo electrónico convocatorias.fundacionemalcsa@gmail.com ou no teléfono 627 251 278.

A data límite para a presentación de solicitudes será, para ambas convocatorias, o 21 de xuño de 2024. 

XI Convocatoria de Deporte Solidario e Inclusivo

Esta nova convocatoria do programa ‘Deporte Solidario’ conta cun orzamento de 250.000 euros para financiar proxectos enfocados na integración de colectivos vulnerables a través do deporte. Desde a súa primeira edición, o Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, destinou máis de 2 millóns de euros a ‘Deporte Solidario’, e conta con Gadisa como patrocinador desde o ano 2017.

Durante as últimas dez convocatorias, ‘Deporte Solidario’ impactou de maneira directa en máis de 120.000 persoas grazas aos máis de 200 proxectos realizados polas entidades beneficiarias desta subvención destinados, na súa maioría, a menores en risco de exclusión social.

IX Convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva

A través do programa ‘Cultura Accesible’, a Fundación Emalcsa destinou desde o ano 2016 máis de 750.000 euros para financiar proxectos de integración social a través da cultura, coa contribución, desde a súa primeira edición, da Fundación María José Jove e Vegalsa.

Case 18.000 persoas se beneficiaron dos máis de 100 proxectos realizados por todas as entidades culturais que participaron nas últimas oito convocatorias de ‘Cultura Accesible’. O obxectivo destas actividades é traballar pola inclusión de colectivos discriminados socialmente por motivo de discapacidade ou baixos recursos económicos, ofrecendo espazos culturais seguros e os medios necesarios para mellorar o seu benestar de desenvolvemento persoal.