O programa “Deporte Solidario e Inclusivo”, impulsado pola Fundación Emalcsa e o Concello de A Coruña, e coa colaboración de Gadis, continúa a súa traxectoria co lanzamento da VI Convocatoria de axudas para o desenvolvemento de proxectos de fomento do deporte base e a promoción da igualdade de oportunidades e a integración social.
As bases da convocatoria están dispoñibles na páxina web da Fundación Emalcsa e o prazo para a presentación de solicitudes é do 11 ao 22 de novembro de 2019.
Con esta son cinco as convocatorias promovidas pola Fundación Emalcsa, cunha dotación de 250.000€ cada unha; 1.500.000€ de investimento total en proxectos de fomento do deporte base e de intervención social na cidade para a inclusión de colectivos socialmente vulnerables a través do deporte.
Desde a súa primeira edición, o programa Deporte Solidario promoveu a actividade deportivo-social de 222 entidades, que desenvolveron 180 proxectos coa colaboración da Fundación Emalcsa, conseguindo a participación de 110.240 persoas que se beneficiaron das actividades desenvolvidas no marco do programa.
A V convocatoria, que colaborou con 27 entidades deportivas da cidade, destinou o 75% dos seus recursos ao financiamento de proxectos sociais. O pasado 15 de agosto finalizaba o período de execución destes, acadando máis de 13.600 participantes nas diversas actividades desenvoltas.
Co fin de favorecer o desenvolvemento dos proxectos seleccionados e garantir a adecuación dos mesmos aos obxectivos do programa, a V Convocatoria presenta algunhas novidades respecto das anteriores. Todas elas co afán de seguir potenciando o desenvolvemento de proxectos que contribúan á inclusión social de colectivos especialmente vulnerables a través de alianzas de colaboración con entidades sociais, ou o fomento de iniciativas que contemplen entre os seus obxectivos a promoción do deporte feminino e a igualdade de oportunidades no deporte. Tamén contempla outras modificacións de carácter técnico, como o restablecemento do importe mínimo das axudas en 3.000€.