O programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’, impulsado pola Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña, en colaboración con Gadis, bota a andar un ano máis co lanzamento da VIII Convocatoria de axudas para o desenvolvemento de proxectos de fomento do deporte base e a promoción da igualdade de oportunidades e a integración social.
As bases da convocatoria están xa dispoñibles na páxina web da Fundación Emalcsa, e marcan o 10 de setembro de 2021 como data límite para a presentación de solicitudes.
Con esta nova convocatoria, xa son oito os programas de ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ promovidos pola Fundación Emalcsa, cunha dotación de 250.000€ por edición, cun investimento total de 2.000.000€ en proxectos cos que pretenden impulsar a inclusión social de colectivos socialmente vulnerables a través do deporte.
Desde a súa primeira edición, o programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ promoveu a actividade deportivo-social de máis de 180 entidades da Coruña para poñer en marcha actuacións que fomenten a inclusión e igualdade no deporte a través de alianzas de colaboración con distintas entidades sociais.
A VI Convocatoria contou coa participación de 26 entidades deportivas da cidade e estivo marcada polas restriccións sanitarias provocadas pola pandemia da covid-19. En total, realizáronse 26 proxectos sociais con 24 asociacións coruñesas nos que participaron máis de 15.000 personas.