A Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña en colaboración coa Fundación María José Jove, Repsol, Vegalsa e Fundación Sabadell continúa a súa traxectoria co lanzamento da IV convocatoria de axudas para o desenvolvemento de proxectos de Cultura Accesible e Inclusiva, que contempla os siguientes fins:
- Aumentar a accesibilidade a lugares físicos ou virtuais onde se ofrezan representacións ou servizos culturais tales como teatros, museos, cinemas, bibliotecas, páxinas web ou outros.
- Elaboración de material e/ou desenvolvemento de programación e de actividades culturais en formatos accesibles.
- Fomentar que as persoas con discapacidade poidan desenvolver e utilizar o seu potencial creativo, artístico e intelectual, non só no seu propio beneficio senón tamén para o enriquecemento da sociedade.
Nesta edición destínanse a estas axudas un total de 100.000 euros, o que eleva a 400.000 o investimento no últimos catro anos.
Desde a creación do programa Cultura Accesible e Inclusiva a Fundación Emalcsa colaborou con 149 entidades no desenvolvemento de 62 proxectos. Ata agora, 11.733 persoas resultaron beneficiarias das actividades desenvolvidas no marco do programa, que continúa con esta cuarta convocatoria.
As bases da nova convocatoria integran pequenas melloras como a posibilidade de implicar no proxecto a entidades sociais non vinculadas á discapacidade (a condición de que haxa unha asociación desta temática incluída), e outras modificacións centradas no proceso de valoración e solicitude de información.
As bases da convocatoria están dispoñibles na páxina web da Fundación Emalcsa, e o prazo para a presentación de solicitudes é do 11 de novembro ao 2 de decembro de 2019.