Aberta a inscrición para participar na II Carreira Solidaria #QuerémonosVivas

A Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña colaboran na organización da X Carreira Popular Torre de Hércules “Trofeo José Antonio Varela Calviño”, dentro do circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre 2020 e integrando na mesma a II Carreira e Andaina Solidaria #QUERÉMONOSVIVAS que se celebrará o próximo 28 de marzo coa finalidade común de:

  • Promover a participación da cidadanía nas carreiras pedestres.
  • Implementar a través desta carreira as políticas públicas de respecto pola igualdade de xénero en todos os ámbitos e neste caso concreto no ámbito deportivo.
  • Manifestar que a igualdade e a loita contra a violencia de xénero é algo de todas e todos, facendo unha carreira onde poidan participar mulleres, homes, nenos e nenas.
  • Contribuír á loita contra el cáncer a través de doazóns voluntarias que se destinarán á investigación contra esta enfermidade.

Co fin de favorecer a participación cidadán na iniciativa, haberá unha marcha solidaria non competitiva para aqueles participantes que non desen competir. Sairán no último caixón da carreira e realizarán o mesmo percorrido (6.625 metros). Estas persoas levarán un dorsal solidario (dorsal 261).

  • LUGAR DE SAÍDA E META:  Paseo dos Menhires (zona estatua de Breogán)
  • DISTANCIA Carreira e Andaina Solidaria #QUERÉMONOSVIVAS : 6.625 metros

Inscricións

As inscricións para a quinta carreira do Circuíto Coruña Corre desta tempada están abertas desde esta xornada na web municipal de Carreiras Populares  ata as 23.59 horas do domingo 22 de marzo de 2020. Para participar será necesario realizar a inscrición previa.

As persoas participantes na andaina deberán levar un dorsal solidario (dorsal 261). Para obter o dorsal solidario deberase realizar unha doazón a través da páxina web municipal.

A Fundación Emalcsa será a encargada de xestionar as doazóns desta II Carreira Solidaria #QuerémonosVivas. Todas as doazóns irán destinadas á investigación contra o cáncer. A Fundación será a responsable de emitir un certificado nominal da doazón realizada a efectos fiscais. É imprescindible que as persoas participantes autoricen á cesión de datos a Fundación Emalcsa na plataforma web de inscrición no mesmo momento de realizar o donativo, respondendo a consulta de autorización que figurará no formulario de inscrición.

Todas as persoas (incluídos participantes menores) que fagan unha doazón das cantidades establecidas na plataforma: 3 €, 5 € ou doazón de libre vontade (superior a 5€), recibirán unha camiseta xunto co dorsal.

Para máis información, descarga o dossier Carreira Solidaria #QuerémonosVivas