A serie de carreiras do VI Circuíto Municipal Coruña Corre regresará o vindeiro 23 de marzo coa celebración da IX Carreira Popular Torre de Hércules, que abre hoxe o seu prazo de inscrición. Esta proba está dotada dun carácter reivindicativo, incorporando a iniciativa á programación municipal do Día Internacional das Mulleres, á vez que solidario, ao facilitar a posibilidade de contar cunha recadación que se destine integramente á investigación para a mellora da calidade de vida das mulleres afectadas polo cancro de mama. A Fundación Emalcsa será a encargada de xestionar as doazóns desta I Carreira Solidaria #QuerémonosVivas.
A vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e o edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentaron esta mañá a proba, que incorpora ao seu nome Carreira Solidaria #QuerémonosVivas, e que se celebrará o sábado 23 de marzo ao pé do monumento, barrio de Durmideiras e Paseo Marítimo. “Desde hai anos existe na cidade demanda de contar cunha carreira autenticamente feminista e inclusiva, aberta á participación de todas e todos, pero na que as mulleres e as súas demandas históricas teñan un especial peso simbólico. Por iso este ano, incorporamos esta proba como a I Carreira Solidaria #QuerémonosVivas“, explicou Rocío Fraga.
Inscricións
As inscricións para a cuarta carreira do Circuíto Coruña Corre desta tempada están abertas desde esta xornada na web municipal de Carreiras Populares até as 23.59 horas do luns 18 de marzo. Para participar será necesario realizar a inscrición previa, incluso para quen forme parte do circuíto.
Todas aquelas persoas que desexen correr deberán aboar 2 euros, agás as persoas desempregadas, maiores de 65 anos e beneficiarias do Carné Xove, cuxa cota será 1 euro.
No caso daquelas interesadas en colaborar co fin solidario da carreira, poderán facer achegas de 3, 5 euros ou outras cantidades superiores aos cinco euros no momento de formalizar a súa inscrición. Esta doazón está destinada integramente á investigación contra o cancro, tamén virá acompañada da posibilidade de recibir unha camiseta conmemorativa da proba.
Por vez primeira nesta proba, e co fin de favorecer a participación cidadá na iniciativa, haberá unha marcha solidaria non competitiva. Para obter o seu dorsal solidario, tamén se deberán inscribir eaportar unha cota mínima de 3 euros.
“As doazóns dirixiranse directamente á Fundación Emalcsa que, a través dunha colaboración coa Unidade de Mama do CHUAC e da Fundación Profesor Novoa Santos, as destinará integramente á investigación contra o cancro e as consecuencias desta doenza na vida das mulleres”, expuxo Rocío Fraga.
Para máis información, descarga o dossier Carreira Solidaria #QuerémonosVivas