Aberto o prazo para participar na III edición do Programa Cultura Accesible e Inclusiva

A terceira edición do programa Cultura Accesible e Inclusiva xa está en marcha desde o pasado 1 de outubro na páxina web de Fundación Emalcsa, e ata o vindeiro venres, día 19, estará aberto o prazo de presentación de proxectos para optar ás axudas, ás que se destinarán un total de 100.000 euros. Poderán optar ás mesmas entidades culturais que, en colaboración con asociacións vinculada ás diversidades, promovan iniciativas que supoñan o aumento da accesibilidade a lugares físicos ou virtuais nos que se ofrezan servizos culturais, a elaboración de materiais ou de programación cultural en formato accesible, ou que fomenten que as persoas con diversidades poidan desenvolver e empregar o seu propio potencial creativo, artístico e intelectual para o enriquecemento da sociedade.

A vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou onte pola tarde, nunha xuntanza aberta ás entidades do tecido cultural e social, as bases da presente convocatoria así como as novidades da mesma respecto as anteriores edicións. “De cara a este curso, queremos potenciar o desenvolvemento de proxectos que contribúan a inclusión social de colectivos especialmente vulnerables a través de alianzas de colaboración con entidades sociais, así como o fomento de iniciativas que contemplen, entre os seus obxectivos, a inclusión das persoas con diversidade nos eventos, e non só a accesibilidade aos mesmos”, explicou Fraga na reunión, que se celebrou no centro cívico da Cidade Vella.

Durante o encontro, a vicepresidenta lembrou que, ao longo das dúas primeiras edicións do programa, participaron un total de 14 entidades culturais que desenvolveron 24 proxectos diferentes coa  colaboración da Fundación Emalcsa. Ademais, nestas iniciativas, colaboraron 25 entidades vinculadas ao eido das diversidades ou de persoas en risco ou en exclusión social. “O obxectivo do goberno da Coruña é seguir afondando nesta liña de traballo, tal e como facemos tamén a través do programa Deporte Solidario, para favorecer unha cidade máis plural, diversa e igualitaria”, apuntou Fraga.