A Fundación Emalcsa reforza o seu apoio á inclusión social a través da firma dos convenios de colaboración das novas edicións dos programas Deporte Solidario e Cultura Inclusiva

O Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, firmou esta mañá os convenios de colaboración coas entidades seleccionadas na XI convocatoria de ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ e na IX convocatoria de ‘Cultura Accesible e Inclusiva’. Estes dous programas están impulsados en colaboración con Gadisa, no caso da convocatoria de deporte, e de Vegalsa e a Fundación María José Jove , no de cultura.  

O acto estivo presidido pola presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, así como representantes das entidades beneficiarias e dos patrocinadores de ambos programas.

“Programas como ‘Deporte Solidario’ e ‘Cultura Accesible’ son un claro exemplo da alianza tan importante entre as entidades públicas e privadas”, sinalou Inés Rey durante a súa intervención. “Desde o Concello da Coruña queremos reafirmar unha vez máis o noso compromiso coa comunidade deportiva e cultural da cidade, proporcionando os recursos necesarios para que continúen coa súa labor social”, engadiu. Ademais, Rey destacou a contribución de Gadisa, Vegalsa e a Fundación María José Jove e agradeceu a súa colaboración nas novas edicións de ambos programas para impulsar os proxectos seleccionados nas mesmas.  

XI Convocatoria Deporte Solidario e Inclusivo 

O programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ destinou, durante os seus once anos de vida, axudas para a promoción da igualdade de oportunidades, a integración social e o fomento de hábitos de vida saudables.  

Esta nova convocatoria do programa ‘Deporte Solidario’ conta cun orzamento de 250.000 euros para financiar proxectos enfocados na integración de colectivos vulnerables a través do deporte. Desde a súa primeira edición, o Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, destinou máis de dous millóns de euros a ‘Deporte Solidario’, e conta con Gadisa como patrocinador desde o ano 2017.   

Os proxectos que se leven a cabo dentro do programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ impactarán de maneira directa en máis de 5.000 persoas, segundo previsións das entidades participantes, e que formarán parte durante os próximos doce meses das actividades programadas. Ademais, gran parte dos proxectos seleccionados contarán con prazas de carácter gratuíto xestionadas polos Servizos Sociais Municipais e destinadas, principalmente, a menores en risco de exclusión social.  

As 23 entidades seleccionadas nesta undécima convocatoria son: Asociación de Montañeros Independientes, Club Escuela de Tenis Marineda, Real Sociedad Hípica de La Coruña, Club Galicia Rollers, Zalaeta 100Tolos, Club de Rugby Arquitectura Técnica (CRAT), Club Pelota La Coruña, Sporting Club Casino de La Coruña, Club Halterofilia Coruña, SD Orillamar, Club Torre SD, Club Viaxes Amarelle FS, Eirís SD, Club Natación Coruña, Club Esgrima Coruña, Victoria CF, Sociedad de Montaña Ártabros, Club Esgrima Atlántico, Club Hércules XTRM, Real Club Náutico de La Coruña, Silva Sociedad Deportiva, 5 Coruña Fútbol Sala e Athletic Coruña Hockey Club.  

IX Convocatoria Cultura Accesible e Inclusiva 

A Fundación Emalcsa destinou desde 2016 máis de 750.000 euros a través do programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ para financiar proxectos de integración social a través da cultura, coa contribución, desde súa primeira edición, de Vegalsa e da Fundación María Jose Jove.  

Máis de 18.000 persoas se beneficiaron dos máis de 100 proxectos realizados por todas as entidades culturais que participaron nas últimas oito convocatorias de ‘Cultura Accesible’. Todas as iniciativas comparten a vocación de traballar pola inclusión de colectivos discriminados socialmente por motivo de discapacidade ou baixos recursos económicos, ofrecéndolles espazos culturais seguros e os medios necesarios para mellorar o seu benestar e desenvolvemento persoal.  

Nesta novena edición de ‘Cultura Accesible e Inclusiva’, as 14 entidades culturais seleccionadas son: Asociación Poten100mos, Asociación Cultural Coruñesa Negus, Asociación Amigos do Museo de Belas Artes, Asociación Cultural Noite Bohemia, Asociación Cultural Tres por Cuatro, Viraventos, ESE8, Asociación Cultural para a Integración Social (Diversos), Asociación Cultural Aïs, Asociación Cultural Albatros, Asociación Xuvenil Atlántica, Asociación Por Qué no Ayudar, Asociación Socio Cultural Acampa, Sociedade Filatélica de A Coruña.